Deputación de Lugo

A Deputación promove os hábitos saudables apoiando o primeiro salón Lugo Elixe Saúde

- A Praza de San Marcos acolle esta fin de semana o encontro, inaugurado esta mañá por Gómez Besteiro, Lara Méndez e os presidentes do Grupo El Progreso e dos colexios oficiais de Farmacéuticos, Enfermería e Médicos de Lugo - Os lucenses poderán coñecer hábitos preventivos e do uso correcto de medicamentos nunha cita que inclúe ademais tres conferencias de expertos no Salón de Actos provincial- No acto de hoxe presentouse tamén un libro de tamaño xigante, cunha encadernación de madeira realizada polo CENTRAD, que recolle unha serie de monográficos divulgativos sobre as enfermidades máis predominantes

O Presidente e a Vicepresidenta Segunda da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro e Lara Méndez, a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, e os presidentes dos colexios oficiais de Farmacéuticos, de Enfermería e de Médicos de Lugo, Ana Prieto Nieto, Lourdes Bermello López, e Manuel Boquete Paris, respectivamente, xunto á Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inauguraron este sábado na praza de San Marcos o primeiro salón Lugo Elixe Saúde, que se celebrará durante toda a fin de semana co obxectivo de promover entre os veciños da provincia hábitos saudables e o uso correcto de medicamentos. Os asistentes tamén poderán someterse a probas médicas da man de profesionais. No mesmo acto, presentouse tamén un libro de tamaño xigante, cunha encadernación de madeira realizada polo CENTRAD, que recolle unha serie de monográficos divulgativos sobre as enfermidades máis predominantes na sociedade.
As carpas instaladas en San Marcos inclúen espazos para os colexios profesionais de médicos, enfermeiros e farmacéuticos de Lugo, ademais de mesas informativas de colectivos lucenses relacionados coa saúde, como por exemplo a delegación local da Asociación Española de Loita contra o Cancro, a Asociación de Diabéticos Lucenses, a de Familiares de Enfermos de Alzhéimer, a Asociación Galega de Lupus, a Asociación Lucense de Fibromialgia, a Asociación de Persoas Xordas ou a Cruz Vermella.
Ademais, o Salón de Actos da Deputación acollerá tres conferencias. Unha hoxe mesmo, ás 18:00 horas, sobre vacinación a cargo do doutor Carlos Quintas, xefe do servizo de Medicina Preventiva do HULA. Mañá, ás 12:00 horas, a doutora Andrea Gallego, médica da Sociedade Española de Expertos en Tabaquismo, abordará esta adición; e ás 17:00 horas, Ana Prieto, presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, falará sobre medicamentos
Traballo en rede
O Presidente provincial destacou que o salón e o libro dedicados á saúde presentados hoxe “son un exemplo claro da importancia que ten o traballo en rede entre entidades sociais, colectivos profesionais, a empresa privada e institucións públicas para promover iniciativas en beneficio dos cidadáns”. Gómez Besteiro garantiu que a Deputación “apoia, e apoiará sempre este tipo de proxectos porque as Políticas Sociais son unha parte esencial do noso traballo”, destacando medidas como o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, a teleasistencia domiciliaria ou a posta en marcha da rede provincial de residencias e centros de día públicos para a terceira idade.
Sen embargo, recalcou, “aínda nos quedan reivindicacións sanitarias por cumprir, polas que seguiremos loitando. É de xustiza que os lucenses teñamos os mesmos servizos asistenciais que os resto dos galegos”.
O salón inaugurado hoxe en San Marcos é froito do proxecto LugoSaúde emprendido polo Grupo El Progreso e os colexios oficiais de médicos, enfermeiros e farmacéuticos de Lugo, en colaboración coa Deputación e diversos colectivos sociais, co obxectivo de divulgar entre a cidadanía distintos aspectos das doenzas máis comúns na sociedade, como diabetes, cancro de mama ou doenzas renais, así como para darlle visibilidade aos pacientes e ao traballo asociativo no ámbito das enfermidades máis minoritarias ou raras, como o lupus ou a esclerose múltiple.
A Deputación, a través do CENTRAD, elaborou unha encadernación de madeira de tamaño xigante para o libro que recolle os monográficos do suplemento LugoSaúde que publicou El Progreso durante máis de dous anos. Tamén fabricou un atril, igualmente de madeira, como soporte para expoñer a publicación. Dos traballos ocupouse o obradoiro do moble do CENTRAD e o artesán Antonio Franco, do obradoiro de instrumentos musicais.
O organismo provincial promocionou a través deste proxecto o consumo de produtos autóctonos das máis de 150 pemes e autónomos que están na plataforma de comercio electrónico www.losproductos delugo.com, alimentos saudables e de máxima calidade.