Deputación de Lugo

A Deputación acolle o primeiro Pleno xuvenil

- Gómez Besteiro participou na sesión plenaria na que rapaces de Monforte exerceron de Deputados Provinciais, Secretario, Interventor, Xornalistas e Fotógrafos - O Presidente destacou que esta foi unha experiencia “moi satisfactoria” e comprometeuse a levar a cabo unha das propostas dos alumnos:  o financiamento dun microscopio para o Colexio - Os estudantes elaboraron propostas para debater no Pleno como a creación dun Centro de Día, a construción dunha granxa escola en Tor e a posta en marcha dunha casa da xuventude

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este xoves no primeiro  Pleno xuvenil celebrado en San Marcos, no que ducias de mozas e mozos do C.E.I.P Torre de Lemos escenificaron o transcorrer dunha sesión plenaria. Os rapaces participantes na sesión desempeñaron o papel de Deputados provinciais, secretario, interventor,  prensa e mesmo de público. O obxectivo principal desta iniciativa é achegar ao alumnado da provincia o funcionamento da institución, así como amosar que esta entidade é un servizo fundamental para a cidadanía.

Gómez Besteiro destacou que “a través de xornadas como a de hoxe, abrimos a xestión do público á cidadanía e impulsamos o goberno aberto”.  O mandatario provincial afirmou que “a Deputación de Lugo é unha administración transparente e cercana, e na que tratamos temas de grande interese para a xente nova”. O Presidente agradeceu “o grande interese e labor” das alumnas e alumnos do C.E.I.P. Torre de Lemos na preparación do Pleno e concluíu que “experiencias como esta non se esquecen en toda a vida e gústame ver entre vós unha actitude tan comprometida”.

Melloras en servizos e infraestruturas
Os estudantes deste centro trouxeron as propostas elaboradas previamente no Colexio e que debateron finalmente na sesión plenaria. Nelas amosaron un grande interese por dotar de novos servizos e infraestruturas ao Concello de Monforte. Entre as propostas que foron aprobaron polos rapaces, destacan a construción de infraestruturas para os veciños máis maiores, aprobada pola maioría; a creación dunha granxa escola da finca de Tor, aprobada por todo o Pleno logo de facer varios engadidos; a posta en marcha dunha casa da Xuventude no Concello, que contou con 23 votos a favor, 2 en contra e 1 abstención; e o financiamento dun microscopio para o colexio Torre de Lemos, aprobado por 20 votos a favor, 4 abstencións e 1 en contra.