Deputación de Lugo

O Supremo dá novamente a razón á Deputación de Lugo  desestimando o recurso do Concello de Lalín pola marca Km0

Imaxe deputación de lugo
- O Tribunal rexeita por segunda vez o recurso do consistorio lalinense contra a sentenza que concedía ao organismo provincial a marca Kilómetro Cero Deputación de Lugo - A xustiza remarca que as alegacións “resultan infundadas” e declara “axustada ao dereito” a concesión da marca “Kilómetro Cero Deputación de Lugo” - O Tribunal Supremo dá carpetazo deste xeito ao caso, pois non cabe recurso algún, e impón as costas ao Concello de Lalín

Por 2ª vez, o Tribunal Supremo dá a razón á Deputación de Lugo fronte ás reclamacións do Concello de Lalín. O Supremo vén de desestimar o recurso de nulidade presentado polo consistorio pontevedrés contra unha sentenza anterior, tamén do Supremo, que concedía ao organismo provincial lugués a marca nacional Kilómetro Cero Deputación de Lugo.

Con esta resolución xudicial firme, xa que contra ela non cabe posibilidade de novo recurso, o Tribunal Supremo rexeita todas as alegacións presentadas polo Concello de Lalín, pois “resultan infundadas” e declara “axustada ao dereito” a concesión da marca nacional á Deputación de Lugo.

O TS reitera que se trata dunha “marca distinta concedida previamente á Deputación de Lugo” e aclara que “non existe risco de confusión” entre os distintivos Kilómetro Cero Deputación de Lugo e Lalín Quilómetro Cero de Galicia.

Deste xeito, o Supremo desestima as pretensións do Concello de Lalín, dando carpetazo definitivamente ao caso e impoñendo as costas ao Concello de Lalín.