Deputación de Lugo

Todos os acordos en materia de persoal reciben o apoio maioritario dos representantes dos traballadores

Imaxe deputación de lugo
- O axuste puntual da Relación de Postos de Traballo, que aínda está en negociacións e foi solicitado polos propios servizos, terá como obxectivo principal mellorar as oportunidades de promoción profesional de todos os traballadores da institución- “Esta proposta tamén terá que ser respaldada pola maioría dos sindicatos. Do contrario non sairá adiante”, subliñou o Deputado de Goberno Interior . “O PP volve a demostrar a súa falta de rigorosidade e pon de novo na picota aos empregados públicos”

Todos os acordos en materia de persoal que aproba a Deputación de Lugo reciben o apoio maioritario dos representantes dos traballadores, é dicir da Xunta de Persoal e o Comité de Empresa, dende que o actual Goberno provincial está á fronte da institución fai 8 anos. Deste xeito, o Deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, garantiu que o axuste puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT), que aínda está en negociacións e foi solicitado polos propios servizos, “tamén terá que contar, coma sempre, co respaldo da gran maioría dos sindicatos. Do contrario, non sairá adiante”.
O Partido Popular e a súa voceira provincial “volven a demostrar a súa falta de rigorosidade e manipulación”, pois “dan por feito un cambio que nin sequera está aprobado e que, en calquera caso, para nada levaría consigo as subidas salariais que din”. Pola contra, a finalidade do axuste da RPT, explicou Sotuela, é “dar resposta ás necesidades da nova organización de servizos como o Parque Móbil, que, por certo, nós recuperamos e que o PP tiña en proceso de desmantelamento, e dar a oportunidade de optar a Experto a todas as categorías laborais dentro da administración provincial, pois ata o de agora está limitado para auxiliares e administrativos. É dicir, melloramos as oportunidades de promoción profesional de todos os traballadores da Deputación”.
O Deputado lamentou así mesmo que o PP “volva a poñer na picota aos empregados públicos, aos que castiga reiteradamente, transmitindo por un lado que van a recibir uns sobresoldos desorbitados e, por outro, trate de atenuar o seu ataque recoñecendo o gran traballo que desenvolven os funcionarios e os servizos da Deputación”.
A actitude e as declaracións da voceira popular “son moi dañinas para os traballadores”, engadiu Sotuela, para quen resulta “cínico” que “eloxie o esforzo dos funcionarios que viron mermados os seus ingresos pola conxelación de salarios e a supresión das pagas extras, cando foi o Goberno do Partido Popular o que impuxo estas medidas e eles nin abriron a boca para defendelos”. 

“Corriximos os ataques do PP aos traballadores”
Neste senso, o Deputado de Goberno Interior subliñou as importantes melloras introducidas por este Goberno provincial na política de persoal para facela “máis xusta e equitativa”, ademais da súa férrea defensa dos dereitos sociolaborais. “Na Deputación tratamos de corrixir os ataques que o Partido Popular perpetra contra os dereitos dos traballadores”, asegurou. De feito, a lucense foi a primeira Deputación de Galicia en devolver a paga extra de decembro de 2012 a todos os empregados públicos, “que o Goberno do PP lles arrebatou inxustamente”.

Ademais, foi a primeira administración pública de Galicia e a primeira Deputación de España en impoñer cláusulas sociais para blindar os dereitos dos traballadores que prestan servizo ao organismo provincial, “un modelo de contratación socialmente responsable que ningún goberno do Partido Popular asumiu aínda”.