A Capela de Santa María acolleu a presentación do poemario Inventario do prohibido da guitiricense Luz Campello
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_12337_1.jpg)
A Deputada de Deseño e Artesanía en funcións, Regina Polín, presentou este mércores, na Capela de Santa María, o libro Inventario do prohibido, un poemario da guitiricense Luz Campello. A obra, que a propia autora considera como unha chamada á igualdade, trata as limitacións e as dificultades do día a día que atopa unha muller polo mero feito de ser muller e pon en valor o feminino.
No acto de presentación, ao que asistiron a autora e o director da editorial Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, a deputada en funcións insistiu no traballo de Campello en prol da cultura luguesa e galega, ao tempo que destacou a aposta tanto da Deputación como do Centro de Artesanía e Deseño polo traballo dos artistas da provincia. Polín tamén insistiu na importancia da Capela de Santa María, capaz de acoller a todo tipo de actos culturais e referente no circuíto artístico literario da provincia e da comunidade por abeirar dende traballos máis vangardistas aos máis tradicionais.
Pola súa banda, Campello agradeceu o apoio e o interese que mostrou a Deputación dende o primeiro momento para impulsar o seu traballo, ao tempo que facía un percorrido pola obra.
Inventario do prohibido sae á luz tras a publicación de O corazón da Terra, unha obra moi vencellada con Guitiriz, a terra natal da autora, da que se distribuíron máis dun milleiro de exemplares. Este poemario, divido internamente en 5 inventarios, supón un posicionamento persoal en evolución da autora sobre o papel da muller na sociedade, chamando a identificalo, diferencialo e integralo.