Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN ACOLLEU ESTA TARDE A PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA MICOLÓXICA ‘MICOLUCUS’

O deputado delegado de Medio Ambiente, Manuel González Capón, resaltou a importancia dun proxecto multidisciplinar a prol da cultura lucense A publicación conta con artigos moi importantes para a provincia lucense e escritos por especialistas nacionais e internacionais A revista pretende difundir e promocionar a natureza e as Reservas da Biosfera provinciais

Lugo, 04 de setembro de 2015.- O salón de actos da Deputación de Lugo acolleu esta tarde a presentación do segundo número da revista naturalista ‘Micolucus’. O deputado delegado de Medio Ambiente, Manuel González Capón, foi o encargado de presidir o acto e informou que neste novo número publícanse, entre moitos outros, diversos artigos relacionados coa natureza, sendo algúns de gran importancia para a provincia lucense e escritos por especialistas de sona nacional e internacional.
En concreto, González Capón explicou que neste número inclúense artigos sobre bibliografía micolóxica, etnomicolóxica, xeoloxía e micogastronomía, así como dúas informacións relativas á promoción dos recursos turísticos nas Reservas da Biosfera Terra do Miño e Ancares.
O deputado delegado salientou a importancia desta publicación multidisciplinar, cuxos obxectivos primordiais son a difusión e promoción da natureza, principalmente na provincia lucense, así como a promoción das Reservas da Biosfera provinciais.
“Estamos falando dunha revista gratuíta, distribuída a distintos colectivos de España, así como Portugal, Francia e Italia, contando ademais cunha edición dixital de descarga libre e sen coste para o usuario de gran transcendencia”- explicou.
IMPORTANCIA DA SOCIEDADE MICOLÓXICA LUCUS
O deputado delegado resaltou o papel que está a desenvolver a Sociedade Micolóxica LUCUS, que conta con máis de 14 anos de existencia, con arredor de 280 socios e que estreitou unha vinculación coa cultura naturalista e micolóxica, non só de maneira social, senón tamén cultural.  
Neste senso, González Capón lembrou o extenso programa de actividades que a sociedade leva a cabo en tódolos campos: conferencias, cursos, exposicións, congresos… impartidos na provincia de Lugo e cun gran compromiso pola cultura, a micoloxía, a natureza e o medio ambiente.
O popular concluíu manifestando que “estamos ante un proxecto apaixonante” polo que agarda que sexa duradeiro e frutífero.