Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN COLABORA NA PRIMEIRA EDICIÓN DO TORNEO BENÉFICO A PROL DA ASOCIACIÓN DE ENFERMOS DE ALZHEIMER DE LUGO

Na liña de compromisos do Ente Provincial coas Entidades Sociais da provinciaA vicepresidenta segunda, Mari Teijeiro, explicou que se trata dunha actividade na que se combinarán deporte e benestar para promocionar deportistas da especialidade de pádel e recadar fondos para AFALU

A vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Mari Teijeiro, e o deputado delegado de deportes, José Manuel Yanes Ginzo, presentaron esta mañá a primeira edición do torneo Deputación de Lugo a prol da Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Lugo (AFALU); unha actividade que se organiza logo da xuntanza mantida entre Mari Teijeiro e a asociación para recadar fondos económicos para dita Entidade.
Durante a presentación do torneo, que terá lugar a terceira fin de semana de setembro (os días 18, 19 e 20) nas pistas de Padel do Polígono de O Ceao, Teijeiro recalcou o compromiso da Deputación de incrementar as axudas e apoio ás asociacións sociais da provincia e manifestou que con esa meta traballa o Partido Popular desde que chegou ao Goberno Provincial.
Resaltou a vicepresidenta segunda o traballo das entidades sociais, ás que definiu como un dos piares básicos do benestar e puxo en valor o seu traballo nos 365 días do ano para cubrir as necesidades específicas das persoas que forman parte dos seus colectivos.
“As entidades sociais sodes unha ferramenta fundamental para a sociedade cunha labor impagable, posto que chegades onde as Administracións moitas veces non somos capaces”, manifestou.
COLABORACIÓN CON MÁIS ASOCIACIÓNSNesta liña de colaboración coas entidades, a vicepresidenta segunda lembrou que o Ente Provincial xa o fai con outras na organización destes torneos co principal fin de recadar fondos económicos. Citou, por exemplo, o de UNICEF do que dixo que xa vai pola quinta edición e ten unha participación de 260 participantes. Resaltou que a recadación do torneo no último ano foi de case 3.000 euros.

INFORMACIÓN TORNEO
Mañá ábrese o período de inscricións e finaliza o 13 de setembro. O prezo por xogador é de 20 euros, e de 28 euros se se xoga tamén mixto. Os premios están doados por empresas colaboradoras.