Deputación de Lugo

A Deputación abre un novo prazo de solicitude para 70 postos de traballo do Ben Empregado


- Así o aprobou a Xunta de Goberno deste venres, que tamén resolveu a contratación doutros 47 lucenses desempregados en entidades e colectivos da provincia
- Dende o 9 ao 19 de novembro se poderán presentar as solicitudes para 70 empregos en todos os sectores e en toda a provincia que “Candia foi incapaz de cubrir”
- Desbloqueadas as obras no contorno da Casa Habaneira en Santaballa e no treito entre a Avenida de Cervantes e a Praza Juan Donapetry para inicialas a vindeira semana

A Xunta de Goberno este venres aprobou a contratación de 47 lucenses desempregados que resultaron beneficiados do Ben Empregado, e que polo tanto comezarán a traballar nos vindeiros días en entidades e colectivos da provincia; así como abrir un novo prazo de solicitude para cubrir 70 postos de traballo desta programación que quedaron vacantes. As solicitudes poderán facerse dende o 9 ao 19 de novembro. Toda a información estará ao acceso dos interesados en www.deputacionlugo.gal. (ADXÚNTASE A LISTAXE DE EMPREGOS).

O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, explicou que “son 70 empregos en todos os sectores e en toda a provincia que, incomprensiblemente, o Goberno de Candia non foi capaz de cubrir. Con 22.900 lucenses desempregados, non hai explicación algunha para xustificar isto, máis que o capricho de Candia por destruír todos os proxectos de futuro deste Goberno, aínda que isto supoña paralizar a creación de empregos de calidade, posto que os contratos, que son dun mínimo dun ano, inclúen cláusulas sociais en defensa dos dereitos dos traballos”.

“Afortunadamente, as bases do Ben Empregado recollen a posibilidade de abrir un novo proceso de solicitude, polo que, neste caso, si podemos reparar este dano. Non ocorre o mesmo, por exemplo, co millón de euros de fondos europeos que perdeu o Goberno de Candia por non organizar nin un só curso formativo e con prácticas remuneradas do Pacto polo Emprego. Isto si que non ten volta atrás”, engadiu.

Obras desbloqueadas en Vilalba e Viveiro
A Xunta de Goberno aprobou os derradeiros trámites legais (plans de seguridade e saúde no traballo, e de xestión de residuos) para a inmediata posta en marcha de novas obras en dotacións públicas municipais, “mellorando, deste xeito, ás prestacións aos veciños e aforrando custos aos Concellos, pois son traballos financiados pola Deputación. Desbloqueamos destas actuacións que durante os últimos meses mantivo paralizadas, sen motivo algún, máis que por puro capricho, o Goberno de Candia”, explicou Santos Ramos.

Os traballos, que se iniciarán a vindeira semana, son as seguintes: en Vilalba, acondicionamento dunha ruta de 15 quilómetros no contorno da Casa Habaneira, en Santaballa, coa plantación de árbores autóctonas e dotación de paneis informativos e mobiliarios, entre outros traballos. O orzamento é de 5.000 euros.  En Viveiro, mellora no treito do comprendido entre a Avenida de Cervantes e a Praza Juan Donapetry. Son obras solicitadas polos veciños e incluídas nos Presupostos Participativos de 2015 cunha partida de 470.000 euros. Consisten na reposición integral do firme da estrada LU-P-6605 e das zonas peonís da súa contorna para humanizar a zona.

Axudas de máis de 3,3 millóns de euros
O Vicepresidente, Antonio Veiga, informou sobre a vindeira resolución de liñas de axudas de concorrencia competitiva por valor de 3.370.000 euros, “que o Goberno de Candia tiña paralizadas e que xa deberían estar resoltas”. Trátanse das subvencións do Plan de Impulso do Sector Primario do departamento de Cooperación cos Concellos, así como das axudas para colectivos culturais e deportivos, destas áreas provinciais.