Jorge Coira comparte a súa experiencia nos Goya cos alumnos da Escola de Imaxe e Son
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_13341_1.jpg)
-O cineasta de Rábade falou do seu traballo en “El desconocido” e da importancia da montaxe, unha especialidade que a EIS imparte nun dos seus módulos.
-Os alumnos da Escola foron os encargados da gravación íntegra do encontro e da reportaxe fotográfica
O patrón da Fundación TIC, Jorge Coira, gañador do último Goya á mellor montaxe por El desconocido, mantivo este mércores un encontro cos alumnos e alumnas da Escola de Imaxe e Son, cumprindo así o compromiso que adquiriu cos estudantes da EIS se finalmente se alzaba co premio da Academia de Cine. A visita foi gravada íntegra polos alumnos, que tamén se encargaron da reportaxe fotográfca.
O cineasta de Rábade foi recibido polo Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, quen dixo que é un orgullo para toda provincia o éxito dun lucense coma Jorge Coira, e moi especialmente para nós, xa que contamos no noso Padroado cun profesional de primeiro nivel. Segundo Campos, Coira, que comezou de moi novo no eido audiovisual, é un exemplo para o noso alumnado. É a proba de que con constancia, ilusión e talento se pode chegar desde Lugo ao máis alto.
Compartir a súa experiencia
Jorge Coira compartiu cos alumnos da Escola a súa experiencia nos Goya, unha gala na que tamén eran candidatos outros dous lucenses: Dani de la Torre, á mellor dirección novel, e Luis Tosar, a mellor actor protagonista. Coira, que traballa principalmente coma director, realizador e guionista, destacou a importancia da montaxe, unha especialidade que a EIS imparte nun dos seus módulos. Referiuse en concreto ao seu traballo en El desconocido, para o que só se desbotaron tres planos da gran cantidade de material que se rodou.
O patrón da TIC participa habitualmente nas actividades desenvolvidas pola Fundación. O último encontro cos estudantes da TIC foi durante a Xornada de Pitching organizada pola EIS, xunto a outros 17 directores e guionistas profesionais de Galicia. Pero ademais impartiu varias masterclass sobre dirección de cine, e tamén deu unha charla sobre a técnica para presentar proxectos audiovisuais dun xeito atractivo e conciso e expuxo ante os alumnos a súa experiencia nesta materia.
De Rábade aos Goya
Jorge Coira naceu en Rábade en 1971. A finais dos anos 80 coñeceu a Luis Tosar, e xuntos comezaron a rodar as súas primeiras curtametraxes. A mediados dos 90 rodou as curtas Gran liquidación, O matachín e A ti como se che di adeus?. Na TVG traballou en series como Mareas Vivas, Terra de Miranda, As Leis de Celavella ou Padre Casares e para canles nacionais en El comisario, Piratas ou Pelotas. En 2004 estreou a longametraxe El año de la garrapata e en 2010 18 comidas, que recibiu numerosos premios. Na actualidade é presidente da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA).