Deputación de Lugo

A débeda cero da Deputación permite aumentar os investimentos no 2016 cun Presuposto de 87,8 millóns

- 1º froito da débeda cero: a Deputación continuará sendo a administración galega que máis inviste en emprego na provincia. Entre outras actuación, porase en marcha un novo plan de emprego para os veciños dos 67 Concellos con 6 millóns de euros
- 2º froito da débeda cero: a posta en marcha dun Plan Integral de Turismo cunha partida inicial de 500.000 euros, que se engaden aos case 2 millóns para o sector
- 3º froito da débeda cero: increméntanse os investimentos para políticas sociais con máis de 10 millóns de euros
- Campos Conde brinda no Parlamento a colaboración da Deputación a todas as administración galegas e reclama á Xunta o financiamento para políticas sociais que nunca concedeu a Lugo e si as restantes provincia galegas. “Pido o mesmo trato”

O Presidente, Darío Campos Conde, compareceu este xoves na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para informar das liñas do Presuposto da Deputación de Lugo para 2016. O orzamento consolidado do organismo provincial para o vindeiro ano ascende aos 87,8 millóns de euros, cifra lixeiramente inferior a de 2015, pois o presuposto dese ano é de 89,4 millóns, pero no que se incrementan os investimentos reais na provincia en 8,1 millóns de euros grazas á débeda financeira de cero euros que ten a institución luguesa. Campos Conde explicou que “no 2015, achegamos 9,7 millóns de euros a amortizar a débeda da Deputación ata acadar os cero euros. Esta cantidade pasa no 2016 a formar parte dos investimentos. Isto permítenos aumentar as partidas de todas as nosas políticas de actuación e poñer en marcha novas iniciativas”.

Os veciños e os Concellos son os protagonistas
“O Goberno Provincial negou aos veciños Presupostos Participativos no 2016. Isto xa non ten volta atrás. Pero eu non entendo de política de retrovisor. No 2017, a Deputación de Lugo volverá a ter Orzamentos Participativos”, adiantou. Con todo, o Presuposto da Deputación para 2016 responde ás prioridades que os lucenses trasladaron á institución durante a elaboración das contas participativas do 2015, que son o fomento do emprego, as políticas sociais e as infraestruturas; así como á necesidade de cooperar cos 67 Concellos da provincia na prestación de servizos para os cidadáns e no aforro de custos correntes.

Primeiro froito da débeda cero
Campos Conde subliñou que “o primeiro froito da nosa débeda cero é que a Deputación de Lugo seguirá sendo no 2016 a institución galega que máis inviste en emprego na provincia luguesa”. A institución provincial achegará 6 millóns de euros a posta en marcha de novos plans de emprego para os veciños dos 67 Concellos da provincia luguesa. Ademais, continuará co desenvolvemento das dúas edicións do Ben Empregado, que contan cunha achega de 10,5 millóns de euros. Con este orzamento, o organismo provincial asume os custos laborais e da seguridade social de máis de 750 lucenses que estaban no paro, e que agora traballarán en empresas e entidades da provincia durante un mínimo dun ano. Créanse, polo tanto, máis de 750 empregos de calidade, pois nos contratos incorpórase a obriga de contar con cláusulas sociais en defensa dos dereitos dos traballadores. “No 2016, seguiremos incorporando cláusulas sociais nos contratos da Deputación, que blinden os dereitos dos traballadores”.

“Tamén crearemos uns 20 novos postos de traballo, ao tempo que manteremos ducias de empregos que, directa ou indirectamente, proceden dun sector punteiro en toda a Comunidade galega, como é o lácteo, e que está a vivir unha situación insostible polo abandono das principais administracións no país. Farémolo mediante a posta en marcha, coa participación directa dos propios gandeiros como mellores coñecedores do sector, do primeiro Centro de Recría de gando vacún público en España”.

Neste senso, o Presidente destacou que no 2016 se investirán máis de 2,6 millóns de euros en axudas para o sector primario, continuando con programacións como a de recuperación de terras abandonas, que é pioneria nunha Deputación galega.

Segundo froito da débeda cero
O segundo froito da débeda cero na Deputación é a posta en marcha dun Plan Integral de Turismo na provincia. “No 2016, achegaremos ao inicio deste proxecto 500.000 euros. Trátase dunha ambiciosa iniciativa, que desenvolveremos ao longo do mandato (2015-2019), pois queremos converter a nosa provincia nun referente turístico no país, xerando máis emprego e favorecendo o crecemento económico deste sector. Hoxe o turismo xa representa o 13% do produto interior bruto de Lugo. Para elo, avaliaremos os recursos dos 67 Concellos da provincia, que fan que Lugo sexa única. E farémolo en coordinación cos todos os profesionais do sector. Dende os establecementos hostaleiros, de comercio, empresas de lecer... ou cos colectivos que aglutinan a estes profesionais. Ademais, seguiremos colaborando co impulso da súa actividade cunha partida de case 2 millóns de euros”.

Terceiro froito da débeda cero
“O fomento do emprego nunha provincia coma Lugo que é, xunto con Ourense, a máis envellecida de Galicia, pasa polo impulso das políticas sociais. Esta é outra das prioridades dos lucenses, á que atendemos no Presuposto para 2016, incrementando os investimentos para políticas sociais ata superar os 10 millóns de euros. Terceiro froito da nosa débeda cero”.

No Orzamento de 2016, refórzanse as axudas para persoas con discapacidade e para maiores, con máis de 2,5 millóns de euros en axudas para colectivos sociais, o SAF, teleasistencia ou para actividades en impulso da autonomía. Investirase preto de 1 millón de euros no funcionamento das primeiras residencias e centros de día públicos da Deputación de Lugo, que darán emprego directo a ducias de persoas, ao tempo dinamizarán a economía local nos Concellos, facendo fronte, deste xeito, á sangría demográfica que sofre o noso rural. “Esperamos acadar os permisos legais da Xunta para facelo”.
Colaboración e reclamacións
“Do mesmo xeito que dicía que a situación do desemprego é dramática, tamén o é a desertización do noso rural. Todas as administracións temos que actuar xa. Sumemos esforzos para ofrecer oportunidades laborais e servizos no rural cos que frear esta lacra migratoria. Quero aproveitar a miña primeira intervención nesta Casa para brindar a máxima colaboración da Deputación de Lugo coas restantes administracións do país. As institucións non deben entender de diferentes cores políticas, senón de cooperación para ofrecer solucións aos cidadáns”.

“E neste apartado, tamén é imprescindible que, como Presidente da Deputación de Lugo, e cando a miña obriga é defender os intereses dos lucenses, faga unha reclamación específica á Xunta de Galicia. A de Lugo segue a ser a única Deputación de Galicia que non recibiu financiamento da administración autonómica para políticas sociais. É público e oficial que os restantes organismos provinciais recibiron da Xunta de Galicia en pasadas anualidades, polo menos, máis de 25 millóns de euros. Polo tanto, teño a obriga de reclamar á administración autonómica un trato xusto para os lucenses. O mesmo trato que para os cidadáns das restantes provincias galegas. Como dixen anteriormente, vamos a poñer en marcha o Centro de Recría sen apoio da Xunta. E tamén vamos a abrir os nosos centros para maiores sen el. Creo que é de xustiza que a administración autonómica, que financia prazas públicas en centros da terceira idade de iniciativa privada, tamén o faga nos públicos da Deputación de Lugo”.

“E non me esquezo da demandada residencia de maiores de Ribadeo, que a Deputación de Lugo financia, practicamente, na súa totalidade, con 1,8 millóns de euros, dos que 200.000 euros proceden do Orzamento para 2016. Tamén é a miña obriga lembrar que a Xunta de Galicia, que se comprometeu a achegar 500.000 euros a esta dotación social, aínda non planificou este investimento nos seus orzamentos. Nas contas autonómicas deste ano, volta a non figurar partida algunha. Os veciños de Ribadeo estana a esperar.”
Educación
“E no eido das políticas sociais, destaca tamén o esforzo inversor que seguimos a facer na educación pública de calidade. Para nós, a educación non é un gasto, senón un investimento de futuro, o dos nosos mozos.  Por iso, mantemos o único centro público na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual: a Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC. E facémolo con 1,6 millóns de euros, que nos permitirán, entre outras cousas, que, por noveno ano, a matricula na Escola sexa gratuíta para os non repetidores”. No 2016, tamén se achegan outros 350.000 euros ao Plan de Impulso do Campus de Lugo. Ademais, o vindeiro curso académico (2016-2017) abrirá as súas portas o centro de referencia da UNED no noroeste de España, que se sitúa na capital luguesa, cuxas obras financiou a Deputación con 2 millóns de euros.

A Deputación de Lugo xa é a que máis inviste de todo o Estado en Deporte por habitante e ano, despois das forais vascas e os cabildos. No 2016, manteranse as axudas deportivas de 2,6 millóns, e as culturais de case 1,6 millóns para colectivos e Concellos.

Infraestruturas
A terceira prioridade que determinaron os lucenses foi a mellora das infraestruturas. A Deputación investirá case 4 millóns de euros na mellora de estradas provincias e municipais dos 67 Concellos lucenses, aforrando custes ás entidades locais. A maiores, levará a cabo as seguintes programacións: o Plan de Obras e Servizos con 4,2 millóns de euros. Pois no 2016, a Deputación; o Plan de Conservación da rede viaria provincia máis extensa de España, pois supera os 4.200 quilómetros, que conta con 6,3 millóns de euros.

Reforzo das prestacións aos Concellos
“Durante os últimos 8 anos, a Deputación de Lugo reforzou as prestacións aos 67 Concellos da provincia, deixando de ser unha mera intermediaria e distribuidora de recursos, para traballar en rede como un goberno local intermedio. Creouse a área de cooperación cos concellos, que non existía ata a chegada de José Ramón á Deputación, onde prestamos a todos os municipios, de xeito gratuíto, asistencia xurídica, urbanística, tecnolóxica, medioambiental, económico-financeira, sobre recursos humanos ou contratación, entre outras, aforrando aos municipios miles de custos”

“Neste mandato, vamos a dar un paso máis no reforzo dos servizos aos 67 Concellos da provincia, ofrecéndolles novas vías de colaboración para a prestación de servizos básicos aos veciños e para o aforro de custos correntes. Adicaremos case 1,6 millóns de euros do Orzamento de 2016 ao estudo de  fórmulas de colaboración na recollida e na xestión de residuos municipal, que sexan máis económicas e ecolóxicas; así como a posta en marcha de novas actuacións coas que reducir gastos enerxéticos aos  Concellos.  Dende a Axencia Provincial da Enerxía da Deputación xa ofrecemos a todos os Concellos un Plan Enerxético gratuíto, co que conseguimos un aforro inicial para as arcas municipais de 2 millóns de euros.  E tamén lles ofrecemos unha análise da facturación eléctrica para reducir ata nun 20% estes custos”.