Deputación de Lugo

A Deputación potencia a Ribeira Sacra a través do libro Ex vite vita da autora Mónica Noya

 A obra ten como motivo central a viticultura na Ribeira Sacra, mostrando a modo de fotolibro documental a vida de varias xeracións en torno ás viñas

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou este xoves no Pazo de San Marcos o libro Ex vite vita, da autora Mónica Noya. O organismo provincial colabora na difusión desta obra, coa que se impulsa a imaxe da Ribeira Sacra a través da viticultura. Esta obra será distribuída de xeito gratuíto entre os visitantes que veñan á provincia para dar a coñecer este espazo fóra das fronteiras lucenses.

García Porto subliñou que “Ex vite vita é un proxecto persoal producido e publicado integramente pola autora Mónica Noya, un fotolibro que ten como tema central a vendima nunha paraxe idílica como é a Ribeira Sacra. A vida dos protagonistas sucede na viña e a través da viña están unidos de forma xeracional establecendo lazos de familia e amizade grazas ao traballo e a celebración. O viño é o nexo de unión”

Ex vite vita é por tanto un fotolibro documental levado a  expresión de “autor”. Porque nel, rómpense as bases do documental clásico na toma das imaxes, a pesar de tratar un tema que leva séculos acontecendo na Ribeira Sacra, polo que o concepto de Ex vita vite, é de documental vangardista, unha “nova mirada do documental” segundo as palabras do seus editores gráficos.

Ex vite vita, tamén fala da tradición e dos avances, dese traballo manual onde as mans e os pés teñen sumo protagonismo. Pero tamén se reflexa a mecanización. A vida da viña é cíclica igual que a do ser humano, a viticultura é unha herdanza polo que a presenza de nenos e avós fai alusión a ese ciclo vital.