Deputación de Lugo

A TIC colabora con ALIAD ULTREIA na denuncia da explotación sexual e a trata de persoas

- O Patrón da Fundación TIC Álvaro Santos presentou un vídeo realizado por técnicos e bolseiros da TIC para concienciar  da situación que sofren millóns de seres humanos  - O traballo proxectouse hoxe, na Praza Maior, con motivo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas

O Patrón da Fundación TIC Álvaro Santos presentou hoxe en Lugo un vídeo realizado pola TIC, en colaboración con ALIAD ULTREIA, con motivo da celebración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. O traballo audiovisual proxectouse, esta tarde, na Praza Maior, coa asistencia da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a Concelleira de Benestar Social, Ana Gónzalez.
 
O vídeo recolle a conversa telefónica dunha moza emigrada coa súa nai, á que asegura que atopou emprego fora do seu país. O desenlace da historia fai intuír que a rapaza acaba sendo vítima dunha rede de explotación sexual. A produción audiovisual inclúe cifras das Nacións Unidas que sinalan a existencia de 2,4 millóns de vítimas de trata de seres humanos, das que o 79% son mulleres e nenas.
 
A colaboración da TIC súmase a proxectos anteriores xurdidos ao abeiro do convenio con ALIAD ULTREIA, para divulgar o seu labor social na provincia. A asociación lucense forma parte da Rede Galega contra a Trata, integrada por unha decena de entidades.