Deputación de Lugo

Darío Campos: “Si queremos que o rural sobreviva hai que conservar oficios como o dos ferreiros”

Imaxe deputación de lugo
- “É unha auténtica singularidade da Mariña Oriental que aínda haxa unhos ferreiros que traballen este material e deste xeito tan singular e tan tradicional”
- Campos Conde: “é importante chegar aquí, a décima edición, manterse e mirar ao futuro e propiciar que a xente nova se poida adicar a este oficio como medio de vida”
- A día de hoxe esta feira xa está consolidada, xa que cada ano recibe a visita de milleiros de persoas e nela participan máis de 100 stands

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou este domingo no acto de inauguración da X Feira dos Ferreiros de Riotorto, xunto co Alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González, o Presidente da Asociación de Ferreiros de Riotorto, José María Cabo Jardón e o pregoeiro desta edición o xornalista e produtor galego, José María Besteiro. Alí emprazou tanto a Asociación de Ferreiros como ao Concello, “a seguir traballando e promovendo este oficio, porque si queremos que o rural sobreviva hai conservar oficios como o dos ferreiros de Riotorto”.

Campos Conde asegurou “é unha honra estar hoxe aquí, nesta Feira, contemplando un dos oficios máis singulares e tradicionais da comarca da Mariña Oriental”. Asi mesmo subliñou a potencialidade económica e turística deste evento para un concello como o de Riotorto. “É unha auténtica singularidade da Mariña Oriental que aínda haxa unhos ferreiros que traballen este material deste xeito tan singular e tan tradicional”.

O Presidente sinalou “é importante chegar aquí, a esta décima edición, manterse e mirar cara o futuro e propiciar que a xente nova se poida adicar a este oficio como medio de vida”. Por iso emprazou a traballar dende todas as administracións “para animar aos ferreiros a que sigan golpeando a bigornia e o mazo para facer fouciños, coitelos e todos os utensilios de labranza. Porque é importante revivir os tempos dos nosos maiores para aprender, e loitar así por un futuro mellor”.

A Deputación de Lugo é a máxima patrocinadora deste cita, pois achega 20.000 euros dos 35.000 euros que en total custa a feira.  Xunto a dita axuda económica, a institución luguesa tamén colabora con esta cita a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), que levará a esta cita unha exposición sobre a historia dos ferreiros de Riotorto.

Mais de 100 stands
A día de hoxe esta feira esta xa consolidada, xa que cada ano visítana milleiros de persoas e nela participan máis de 100 stands. Ademais nas exhibicións, que se realizaron ao longo de todo o día,  participaron 25 ferreiros dos municipios de Riotorto, Santiago de Compostela, O Corgo, Os Oscos e Navarra e de Austria.

Os ferreiros de Riotorto
A Feira da Artesanía do Ferro xurde no ano 2007 como unha iniciativa da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto. O obxectivo desta asociación é darlle pulo e recoñecemento ao oficio do ferro en Riotorto, xa que este Concello conta cunha longa tradición de familias de ferreiros, moas e mazos situados, principalmente, nas parroquias de Riotorto e Ferreiravella. No concello de Riotorto consérvanse dous mazos: o de Bastián en Espasande de Baixo e o da Fraga en Ferreiravella. Outro mazo foi o do Mazo de Ferreiravella, chamado mazo de Abaixo ou de Chavarría, que foi desfeito na década dos oitenta e transformado en cabana. Estes mazos, xunto con moas, muíños, centrais, etc... constitúen o centro ferreiro máis importante do Norte da Península, sumando un total de 46 artiluxios situados no curso do río de Ferreiravella, entre a parroquia deste nome e a de Espasande de Baixo: os dous mazos xa citados, 5 muíños, unha central hidráulica e 38 moas hidráulicas.