Deputación de Lugo

A Deputación organiza actividades esta tarde en San Marcos polo Día Mundial do Lupus

Imaxe deputación de lugo
Santos Ramos explicou que a celebración de hoxe convertese nunha xornada reivindicativa para estes doentes que reclaman máis investigación

O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, xunto con membros da Asociación Galega de Lupus en Lugo, conmemoran esta tarde o Día Mundial do Lupus con diversas actividades, como unha Flashmob que realiza a academia de danza “RitmoLugo”, diante de San Marcos. As actividades arrancan ás 16:00 en San Marcos, onde haberá unha mesa para recadar fondos, e máis tarde ás 18:00 haberá a coreografía da Flashmob. O acto remata cunha foto de familia dos participantes.

Para celebrar esta data a Deputación iluminará o Pazo de San Marcos ca cor característica desta enfermidade, a cor violeta, ademais outros monumentos da capital luguesa tamén se suman a esta iniciativa como a Porta de San Fernando.

Santos Ramos explicou que a conmemoración de hoxe convertese nunha xornada reivindicativa para estes doentes que reclaman máis investigación e mellorar os servicios de diagnose e tratamento que se ofrecen aos pacientes.  Na nosa Comunidade hai preto de 3.000 afectados.

A Asociación Galega de Lupus (AGAL) é a encargada de organizar estes actos. Este organismo creouse no ano 1997, co único obxectivo de aportar información sobre esta enfermidade e visibilizar esta doenza para que deixe de ser unha gran descoñecida. Outro dos seus obxectivos é axudar ás familias e amigos, promover a investigación, participar en xornadas, charlas e publicacións.