Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación pon en marcha un Servizo no Fogar totalmente renovado e gratis para os Concellos

- O Presidente, xunto ao Vicepresidente, explicou que “esta é a 2ª medida do Orzamento que poñemos en marcha para un novo impacto económico na provincia de 1,5 millóns” - Ademais de incrementar en 300.000 euros os fondos deste ano para esta prestación, tal e como adiantou Campos no Parlamento, e fixar novos criterios obxectivos do seu reparto; o Goberno incluíu máis novidades en beneficio dos Concellos e dos usuarios - Por 1ª vez, os municipios non pagarán o 30%, anticiparánselles o 90% dos fondos e financiaranlles gastos de funcionamento en resposta ás necesidades dos maiores - A Xunta de Goberno de mañá aprobará o Servizo no Fogar e nos vindeiros días 66 Concellos asinarán coa Deputación os seus respectivos convenios

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado polo Vicepresidente e responsable de Benestar, deu conta deste xoves da segunda medida do Orzamento de 2016 que de xeito inmediato pon en marcha o Executivo, pois mañá aprobaraa en Xunta de Goberno, para un novo impacto económico na provincia de 1,5 millóns de euros.

Campos Conde explicou que “tal e como xa anunciei no mes de outubro no Parlamento galego, este orzamento de 1,5 millóns de euros é a achega da Deputación para este ano ás Axudas no Fogar nos 66 Concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. É dicir, todos agás o de Lugo, que é o único que recibe financiación autonómica”. Este presuposto supón un incremento de 300.000 euros con respecto á pasada anualidade.

Tal e como se pode constatar na documentación axuntada a esta información; o reparto dos fondos por municipio realizouse en base aos seguintes criterios obxectivos: índice de envellecemento; superficie; densidade de poboación e unidades de poboación.

Pero ademais de aumentar o presuposto e modificar os criterios do seu reparto; o Presidente remarcou que “decidimos incorporar máis novidades, acadando un servizo de Axuda a Domicilio totalmente renovado e mellorado”. Estas son:   

1.- Por primeira vez, as Axudas ao Fogar serán totalmente gratuítas para os Concellos.
A Deputación asumirá o 30% do custo desta prestación que, ata o de agora, tiñan que asumir os municipios. “Aliviamos totalmente aos Concellos, pero non aos usuarios, pois a Lei de Servizos Sociais, concretamente o Decreto 99/2012 que aprobou a Xunta de Galicia, fixa o copago do servizo”, salientou.

2.- Tamén por primeira vez, os Concellos poderán pedir un anticipo do 90% do financiamento que lles corresponde. Isto suporá unha inxección económica inmediata nos municipios en impulso dos servizos sociais de 1.350.000 euros. O Presidente adiantou que “mañá mesmo aprobaremos na Xunta de Goberno as bases da Axudas ao Fogar, o orzamento e o reparto por Concellos, así como o modelo de convenio cos municipios, para que nos vindeiros días nos envíen a documentación necesaria para o adianto de fondos”.
 
3.- As axudas non se concederán a través de subvencións de concorrencia non competitiva, como sempre se fixo, senón vía convenio, o que mañá se aprobará na Xunta de Goberno. “Con isto conseguimos, por un lado, axilizar a concesión dos fondos das Axudas ao Fogar aos municipios, así como axustar este servizo á realidade e necesidades dos usuarios de cada Concello”, destacou.  

4.- De xeito pioneiro, a Deputación non só financiará aos Concellos os gastos de persoal do servizo a domicilio como ata o de agora, senón tamén os do seu funcionamento. Isto quedará definido en cada un dos 66 convenios que a Deputación asinará con outros tantos municipios da provincia. Campos Conde explicou que hai que ter en conta que pode haber Concellos que non necesiten máis persoal para esta prestación, pero si medios económicos para ofrecer un bo servizo. Por este motivo, a Deputación agora poderá financiar, por exemplo, gastos pola compra de material sanitario ou polo desprazamento dos usuarios, acompañados do persoal do servizo do fogar, a citas médicas, entre outras cuestións, que redunden na mellora da atención dos maiores.