Deputación de Lugo

Deputación, Concello e tecido asociativo convidan á cidadanía a sumarse á Quedada pola Igualdade no Día Internacional da Muller

- María Loureiro explicou que “o que queremos é sumar esforzos para reclamar a igualdade de oportunidade entre homes e mulleres” - Lerase un manifesto, presentaranse varios vídeos para reivindicar o valor das mulleres e colocaranse carteis na Praza de San Marcos para que a xente deixe a súa frase pola igualdade, entre outras sorpresas

A Deputación, Concello e tecido asociativo, suman os seus esforzos e convidan á cidadanía a sumarse á Quedada pola Igualdadereivindicativa para conmemorar o Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo, ás 19:00 horas diante da Praza de San Marcos.

A Deputada de Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade, María Loureiro, acompañada pola Concelleira de Igualdade de Lugo, Ana Abelleira, e as  representantes de FADEMUR, Patricia Roca e Sofia Arias, da asociación de Empresarias, Patricia Varela, das Autónomas de Lugo, Marta López e da Federación de Veciños, Fernando Rois e Jose M. Carballo, anunciou este venres que están convidando a tódolos colectivos da provincia para que se sumen a este encontro.

“Animamos a todos os veciños para que o dia 8, ás 19:00 horas, diante do Pazo de San Marcos, participen nesta xornada reivindicativa. O que queremos é sumar esforzos para reclamar a igualdade de oportunidade entre homes e mulleres”, dixo Loureiro.

Ademais, a Deputada avanzou algunha das actividades que haberá nese encontro “lerase un manifesto, amosaremos varios vídeos para poñer en valor o importante valor das mulleres, e colocaremos varios paneis na Praza de San Marcos para que a xente nos deixe a súa frase pola igualdade”, pero anuncia que haberá mais sorpresas.

María Loureiro subliñou que é moi necesario conmemorar esta data “os datos falan por si mesmos, hoxe as mulleres temos que traballar 79 días máis ao ano para recibir as mesmas retribucións que os homes,  e na nosa Comunidade o 50% das mulleres activas están por debaixo do umbral da pobreza”, resumiu.

Por iso insistiu no chamamento á participación “o día 8 é un día de celebración e de reivindicación e unha data para seguir loitando polos dereitos das mulleres. Por todo iso, esperamos contar con todos vós o vindeiro martes ás 19:00 horas da tarde na Quedada pola Igualdade de Xénero”, concluíu.

Pola súa parte a Concelleira de Igualdade en Lugo, Ana González Abelleira anunciou que o Concello de Lugo “organiza un Concerto Solidario ProRefuxiados, no Auditorio Gustavo Freire ás 21:00 horas”. As entradas poden retirarse en www.ticketea.com, o recadado ira destinado integramente a Medicos sin Fronteras.