Deputación de Lugo

A Deputación crea a 1ª Bolsa de Emprego da provincia e o Servizo de Guía Laboral

- A Bolsa é unha plataforma online na que os lucenses poderán inscribirse como demandantes de emprego e ver os postos de traballo que ofrece a Deputación para anotarse nos mesmos - A través do Servizo de Guía Laboral ponse a disposición dos cidadáns os axentes de emprego para ofrecer asesoramento gratuíto e mellorar a súa formación de cara a atopar traballo - Santos Ramos informou que ambos servizos comezarán a funcionar o luns, 25 de xaneiro, na web www.deputacionlugo.gal

O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, avanzou este mércores a creación da 1ª Bolsa de Emprego da provincia e dun Servizo de Guía Laboral que o luns se poñen en marcha ao abeiro do programa provincial Ben Empregado, “pois é a programación laboral que temos en marcha agora mesmo. Estes servizos perdurarán no tempo, posto que o obxectivo deste Goberno Provincial é impulsar novos plans de emprego este mesmo ano para os que serán necesarias estas ferramentas” salientou.
 
Santos Ramos explicou que “a Bolsa de Emprego é unha plataforma online, á que se poderá acceder directamente dende a páxina web da Deputación (www.deputacionlugo.gal), na que todos os lucenses que estean no paro, por un lado, poderán inscribirse como demandantes de emprego e, por outro, ver os postos de traballo que ofrece a Deputación para anotarse aos mesmos. Este servizo estará en funcionamento o vindeiro luns, cando informaremos sobre os perfís do Ben Empregado que ofrece a Deputación”.

“Ao abeiro desta programación de emprego, hoxe están a traballar 570 lucenses que estaban no paro en empresas e entidades da provincia. Ademais, hai que ter en conta que entre estes preto de 600 profesionais que hoxe están a traballar prodúcense baixas laborais, por maternidade, por un accidente...; e nalgúns casos, non superan o período de proba das empresas. Polo tanto, con esta Bolsa de Emprego todos os lucenses en paro estarán puntualmente informados sobre os postos de traballo ofertados”.

Ademais, ao inscribírense neste portal web, o organismo provincial contará cunha ampla base de datos dos desempregados lucenses, con información sobre o seu perfil, a súa formación ou as súas necesidades, que permitirá axustar á realidade laboral na provincia de cara posta en marcha de novas programación de emprego.

Guía Laboral
Durante o transcorrer do Ben Empregado, os traballadores do departamento de Promoción Económica e Social, levaron a cabo máis de 6.000 entrevistas persoais para cubrir os postos de traballo. Estes profesionais da área de emprego, atoparon deficiencias á hora de afrontar unha entrevista, elaborar un currículum, definir os perfís laborais ou adaptarse á realidade actual coas novas tecnoloxías.

A través da Guía Laboral, a Deputación pon a disposición dos cidadáns os axentes de emprego da área de Promoción Económica e Social para ofrecerlles todo tipo de asesoramento, que poderá ser de xeito presencial, nas dependencias do Pazo de San Marcos, ou ben telemáticamente a través da plataforma online do Ben Empregado.