O Goberno inicia a revogación dos acordos plenarios contra o Premio Otero Pedrayo e o Club Kayak de Foz para arranxar a desfeita do PP
O Vicepresidente e voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, xunto aos Deputados de Cultura e Deportes, Pilar García Porto e Pablo Rivera Capón, respectivamente, adiantou este mércores que o Executivo Provincial iniciou a revogación dos acordos plenarios contrarios ao pago do Premio Otero Pedrayo e da subvención de 100.000 euros ao Club Kayak de Foz para o proxecto de construción dun novo hangar de piraguas.
Santos Ramos explicou que deste xeito tentamos arranxar a desfeita do Partido Popular, que onte votou en contra de todas as propostas feitas ao Pleno polo capricho e obsesión de Elena Candia, atacada polo síndrome presidencialista, por que este Goberno non poida cumprir os seus retos para a provincia. Candia demostrou, unha vez máis, que non pensa nos veciños e que non quere nada para esta provincia. Os seus únicos obxectivos son que o Executivo da Deputación non poida sacar nada adiante e exhibir unha maioría que de nada beneficia aos veciños.
Escusas baratas
O que fixo Candia onte, intencionadamente e demostrando unha gran irresponsabilidade, prexudica gravemente á política, aos colectivos veciñais e, en xeral, a toda a provincia de Lugo, pois prívaa de investimentos da Deputación. Foi unha pataleta por converter unha das súas mocións en rogo tras as advertencias dos servizos de Secretaria Xeral e Contratación de que o que pedía na mesma, a aprobación dunha encomenda de xestión, non o pode facer o Pleno, tal e como establece a normativa vixente, senón a Xunta de Goberno ou o Presidente. Que pretendía? que os Deputados votásemos algo contrario á lei? É máis, foi advertida disto días antes do Pleno, polo que, é evidente, que se escudou en esta cuestión para non apoiar as iniciativas que se levaban ao Pleno, facendo teatro e incumprindo promesas que, por exemplo, fixo aos bombeiros antes das eleccións autonómicas, e que, por certo, están moi decepcionados.
A convocatoria do PP nada resolve
En caso de que quixese que as propostas ao Pleno de onte fosen aprobadas, Candia e os seus compañeiros do PP puideron terse abstido. Tamén puideron presentar a súa moción de novo por urxencia, porque neste caso si habería debate, se este fose o problema; ou solicitar un Pleno Extraordinario con este punto como único na orde do día. Pero non quixo optar por ningunha destas posibilidades porque non quería apoiar as propostas do Pleno. E agora pide un Pleno Extraordinario, que por riba está mal solicitado, e que nada resolve, pois xa hai acordos Plenarios sobre propostas políticas adoptados, como a modernización dos servizos ferroviarios, o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando ou a mellora salarial dos bombeiros do Consorcio. No Pleno da Deputación xa quedou manifestado o voto de cada grupo político. Candia agora con esta convocatoria de Pleno Extraordinario só pretende enganar aos afectados, apuntou.
As únicas propostas que se poden revogar
O pago de 2.000 euros a Arcadio José María López Casanova, gañador do Premio Otero Pedrayo e de 100.000 euros ao Club Kayak de Foz son os únicos asuntos rexeitados onte no Pleno para os que hai unha solución administrativa ao tratárense de propostas do Goberno da Deputación. Esta pasa por un proceso de revogación, que hoxe mesmo iniciaron os Deputados de Cultura e Deportes, como responsables dos departamentos que tramitan as propostas. Logo deben ir de novo ao Pleno. Santos Ramos apuntou que a intención do Executivo Provincial é que isto se fixese de xeito inmediato a través dun Pleno Extraordinario, no que dar unha segunda oportunidade ao PP para sacar adiante estas dúas propostas. Con todo, esta sesión non se pode convocar porque só debe existir unha sesión de carácter extraordinario, que onte xa solicitou formalmente o PP.