Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación inicia a contratación das obras da residencia e centro de día pública de Navia de Suarna con máis de 1,6 millóns de euros

Imaxe deputación de lugo
- Este centro, que podería comezar a construírse en marzo, disporá de 24 habitacións para residentes, das que 18 serán individuais e 6 dobres. En total, a capacidade máxima que poderá atender será de 50 persoas, entre residencia e centro de día
- Todas as empresas poderán presentar as súas ofertas, a partir de hoxe, e durante 15 días naturais
- O Alcalde subliñou  “hoxe é un día histórico para os veciños desde Concello, xa que se inicia a contratación da obra máis importante de Navia de Suarna”

O Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, avanzou este mércores que o Goberno da Deputación iniciou a contratación da residencia e centro de día público da Deputación no Concello de Navia de Suarna, achegando un orzamento de máis de 1,6 millóns de euros. O BOP publica hoxe os pregos poñendo en marcha o inicio destes traballos. Todas as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas, a partir de hoxe,  e durante 15 días naturais.

O prezo de licitación destes traballos é de 1.646.036 euros,  o Concello aporta  outros 200.000 euros e os terreos nas que se instalará. O proxecto, que podería comezar a construírse en marzo, recolle que esta infraestrutura contará con 24 habitacións para residentes, das que 18 serán individuais e 6 dobres. En total, a capacidade máxima que poderá atender este centro será de 50 persoas, entre centro de día e as prazas da residencia.

O Vicepresidente remarcou que coa construción desta residencia “cumprimos o compromiso que acadamos cos veciños de Navia de Suarna, e damos resposta a un dos problemas máis graves que ten a nosa provincia, como é a creación de prazas nas residencias públicas”. Nese senso reiterou a petición realizada polo organismo provincial e demandou á Xunta de Galicia “un trato xusto para este proxecto público, tendo en conta, ademais, a necesidade de crear prazas en centros públicos da provincia, pois a Xunta non o fai dende os anos 70”.

O rexedor de Navia Suarna, José Fernández Fernández, afirmou “hoxe é un día histórico para os veciños a vila, xa que se inicia a construción da obra máis importante de Navia”. Puntualizou que actualmente hai veciños que teñen que desprazarse ata o Concello veciño de Baralla, a 40 quilómetros, para ser atendidos nestes centros. Lembrou ademais que Navia de Suarna é un concello altamente envellecido, por iso insistiu, “necesitamos esta Residencia, porque os dous mil veciños da vila temos que ter os mesmos dereitos que calquera habitante da provincia. Precisamos de xeito urxente unha residencia pública para atender aos nosos maiores. Meréceno”.

Características
A residencia e centro de día público de Navia de Suarna ocupará 452 m2 dunha parcela que o Concello puxo a disposición para a construción deste inmoble, este terreo atopase entre as avenidas de Galicia e os Ancares. A residencia proxectada disporá de 24 habitacións para residentes, das que 18 serán individuais e 6 dobres. En total, a capacidade máxima de residentes será de 50 persoas.

O edificio contará con Baixo semi-soto coas seguintes dependencias: sala caldeira, almacén, lavandería, roupa sucia, secado de roupa, aseos e vestiarios homes e mulleres, cuarto de lixo, cociña, comedor, aseos para homes e mulleres. Na planta baixa estarán ubicados; vestíbulo, os despachos de Dirección e Administración, aseos para homes e mulleres, ximnasio e o despacho do fisioterapeuta, consulta médica, enfermería, sala polivalente, sala de usos múltiples e o dormitorio de enfermaría. Na 1ª e 2ª planta estarán as habitacións, aseo, baño xeriátrico, o control e unha aula de limpeza. Tamén haberá un espazo de baixo cuberta ao aire libre.