Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación financia na Comarca de Lugo con 278.239 euros 39 actuacións en impulso ao sector primario e ao rural

Imaxe deputación de lugo
- Fíxoo en núcleos rurais de 7 Concellos do Sur, aos que pertencen os colectivos veciñais beneficiados das axudas do plan de impulso ao sector primario e ao rural
- Estas 39 actuacións consistiron en: na recuperación en terras abandonadas, con 11 axudas; acondicionamento de invernadoiros, con 1 axuda; mellora en acceso públicos, con 12; melloras en traídas de auga, con 2 axudas; e de centros sociais con 13 axudas

O Goberno da Deputación financiou na Comarca de Lugo con 278.239 euros un total de 39 actuacións, que favorecen a actividade agrogandeira e a vida en pequenas localidades. Fíxoo en núcleos rurais de 7 Concellos desta zona, aos que pertencen os colectivos veciñais que resultaron beneficiados das axudas do plan de impulso ao rural e ao sector primario. Estes municipios son os de Begonte, Castroverde, Friol, Guntín, Lugo, O Corgo, Portomarín e Rábade.

O número de actuacións (39) é o mesmo que o de axudas económicas concedidas a outras tantas asociacións de veciños da Comarca de Lugo, que participaron no proceso público de concorrencia competitiva e aberto a toda á cidadanía, posto en marcha ao abeiro de dito plan. A finalidade destas subvencións foi a seguinte:

- Impulso ao sector agrogandeiro coa recuperación de terras abandonas. Concedéronse 11 axudas de 31.798 euros para a recuperación de terras abandonadas. Esta é unha medida pioneira nunha administración galega, que puxo en marcha a Deputación de Lugo.

- Impulso ao sector hortícola co acondicionamento ou dotación de invernadoiros. 1 axuda de 5.250 euros foron para o acondicionamento ou dotación de invernadoiros.

- Impulso ao sector agrogandeiro e ao rural coa mellora accesos públicos. 12 axudas de 131.165 euros foron para o acondicionamento de accesos públicos a núcleos rurais cuxa principal actividade é o sector agrogandeiro, favorecendo, deste xeito, a actividade destes profesionais.

- Impulso ao sector agrogandeiro e ao rural coa dotación ou mellora de traídas de auga. 2 axudas de 15.182 euros foron para a dotación de novas traídas de auga ou mellora das existentes en núcleos rurais cuxa principal actividade é a agrogandeira.

- Impulso ao rural coa mellora de centros sociais. 13 axudas de 94.844 euros foron para obras de mellora ou dotación de equipamento a centros sociais de zonas rurais onde se levan a cabo actividades que dinamizan as pequenas localidades.

Distribución por Concellos
O Goberno da Deputación achegou á Comarca de Lugo 278.239 euros, que representan máis do 12% dos fondos do seu plan de impulso ao rural e ao sector primario. Por Concellos, este orzamento distribúese do seguinte xeito: 

  • En Castroverde o Goberno da Deputación investiu 45.796 euros en 8 axudas: 5 para a recuperación de terras abandonadas, con 9.846 euros; 2 para o acondicionamento de accesos públicos, con 24.000 euros; e 1 para restauración de locais sociais, con 11.950 euros.
  • En Lugo: A Deputación investiu 54.087 euros en 8 axudas: 1 para a recuperación de terras abandonadas, con 1.017 euros; 3 para melloras en accesos públicos, con 35.259 euros; e 4 para equipamentos en centros sociais, con 17.810 euros.
  • En Friol: A Deputación investiu 108.761 euros en 14 axudas: 3 para a recuperación de terras abandonadas, con 10.300 euros; 6 para melloras en accesos públicos, con 59.906 euros; 2 para traídas de auga, con 15.182 euros; 2 para equipamentos en centros sociais, con 11.555 euros; e 1 para restauración de locais sociais, con 11.830 euros.
  • En Guntín: A Deputación investiu 24.000 euros en 2 axudas: 1 para melloras en accesos públicos, 12.000 euros; e 1 para restauración de locais sociais, con  12.000 euros.
  • No Corgo: A Deputación investiu 17.711 euros en 3 axudas: 2 para equipamentos en centros sociais, con 5.880 euros; e 1 para restauración de locais sociais, con 11.831 euros.
  • En Portomarín: A Deputación investiu 22.635 euros en 3 axudas: 2 para a recuperación de terras abandonadas, con 10.635 euros; e 1 para a restauración de locais sociais, con 12.000 euros.
  • En Rábade: A Deputación investiu 5.250 euros para melloras de invernadoiros.