Deputación de Lugo

Campos Conde reclama unha reunión con Rey Varela “para consensuar políticas sociais conxuntas”

- O Presidente enviou hoxe unha carta ao Conselleiro de Política Social para manter unha reunión para acordar colaboracións na rede pública de residencias e centros de día e na prestación doutros servizos sociais na provincia de Lugo - Campos Conde remarca “o grande interese” nos centros de maiores da Deputación dos “representantes de Concellos de toda a provincia, das diferentes formacións que integran a Corporación Provincial desta institución, así como cidadáns en xeral” - “Quedo a túa disposición para ter este encontro contigo o día e o lugar máis próximo a esta data, non tendo ningún inconveniente en desprazarme a Santiago. Tamén sería un pracer recibirte no Pazo de San Marcos”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este martes que viña de solicitar formalmente un encontro co Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, “para consensuar políticas conxuntas en impulso do benestar social na provincia”. (ADXÚNTASE CARTA)

Na carta enviada hoxe, Campos Conde aposta pola “colaboración e coordinación  entre todas as administracións do país para poder ofrecer aos cidadáns prestacións públicas de calidade. Esta colaboración e coordinación na provincia de Lugo, que é, xunto con Ourense, a máis envellecida de Galicia, pasa indubidablemente pola prestación de servizos sociais públicos. Este é un dos eixos fundamentais para impulsar o benestar, o emprego e en xeral a economía da provincia lucense. O conxunto das actuacións que sexamos capaces de pór en marcha neste eido contribuirán ademais a combater un dos grandes problemas do noso país, como é o despoboamento do rural, que sofre de xeito especial Lugo”, destacou.

O titular provincial recalcou que “baixo esta premisa, na Deputación de Lugo estamos a construír unha Rede pública de Residencias e Centros de Día en Concellos da provincia, no que levamos investido en solitario 12 millóns de euros de fondos provinciais. Trátase dun ambicioso proxecto, pois combina o pulo do benestar e do emprego nos municipios, dinamizando deste xeito a economía local e facendo fronte á sangría demográfica no rural”. 

Grande interese político e veciñal
“Representantes de Concellos de toda a provincia, das diferentes formacións que integran a Corporación Provincial desta institución, así como cidadáns en xeral, amosaron un grande interese pola nosa rede pública de residencias e centros de día”.
Por todo isto, Campos Conde destacou que “ante o avanzado estado no que se atopa este proxecto, a próxima apertura dos primeiros centros para maiores públicos, e o grande interese polo seu desenvolvemento de todos representantes institucionais de distintas cores políticas e de veciños de toda a provincia; considero de vital importancia unha reunión na que esteamos presentes Deputación de Lugo e Xunta de Galicia para abordar actuacións de colaboración e coordinación en impulso desta rede pública de residencias e centros de día en particular, así como dos servizos sociais públicos en xeral na nosa provincia”.

O Presidente informou que “estamos a punto de abrir a residencia da Fonsagrada e Castroverde, á espera de que a Xunta emita os permisos necesarios (PIA); ademais, tamén se están a rematar as obras dos centros par maiores de Trabada, Pedrafita e Pol. Estas 5 infraestruturas son as que o goberno provincial quere por en marcha este mesmo ano, dependendo, en todo caso, conceda os permisos legais pertinentes”.

“Quedo a túa disposición para ter este encontro contigo o día e o lugar máis próximo a esta data, non tendo ningún inconveniente en desprazarme ás instalacións da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, se así fora preciso. Tamén sería un pracer recibirte no Pazo de San Marcos na cidade Lugo para tratar e consensuar políticas conxuntas en impulso do benestar social dos veciños desta provincia”.