Deputación de Lugo

Deputados Provinciais e membros do CB Breogán doan sangue na unidade móbil de ADOS

- Rivera Capón, López Izquierdo e Vidal Baamonde acudiron este mércores á Praza de Bretaña a doar sangue na unidade móbil habilitada pola Asociación de Doazón de Órganos e Sangue, acompañados polo Presidente e o adestrador do Breogán- O organismo provincial promove que o vindeiro encontro do club celeste no Pazo dos Deportes se dedique á doazón de sangue. Deste xeito, distribuirase información entre os asistentes ao partido, que terá lugar o sábado 25- Os días 22 e 23 de febreiro, todas as persoas que se acheguen a doar, recibirán un pack de dúas entradas (unha de adulto e outra infantil), cuxo custe asume a Deputación, para poder asistir, de xeito gratuíto, a este encontro

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, acompañados polo Presidente do CB Breogán, Suso Lázare Rincón, e o técnico do club celeste, Natxo Lezkano, acudiron este mércores a doar sangue á unidade móbil habilitada pola Asociación de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) na Praza de Bretaña durante a xornada de mañá. Pola tarde, a unidade desprazarase á Praza Maior onde estará de 15:30 a 21:00 horas; e mañá, situarase no Edificio Administrativo da Xunta, de 09:30 a 14:30 horas.

O organismo provincial promove que o vindeiro partido do Breogán no Pazo dos Deportes, que terá lugar o sábado, estea dedicado á doazón de sangue, polo que se distribuirán tarxetóns informativos entre os asistentes, convidándoos a realizar este acto altruísta. Trátase dunha nova campaña de concienciación social, enmarcada dentro do contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación.

Así mesmo, todas as persoas que se acheguen a doar entre hoxe e mañá, recibirán como obsequio un pack de dúas entradas (unha de adulto e outra infantil, ata completar aforo) cuxo custe asume a Deputación, para poder asistir, de xeito gratuíto, ao encontro que o CB Breogán disputará o sábado no Pazo dos Deportes ante o CB Prat de Llobregat.

Sorteo de camisetas

Entre as persoas que acudan a doar ata final de mes, tanto na unidade móbil que se desprazará por distintos puntos da provincia de Lugo como ata ao punto fixo de doazón de ADOS no Hospital Lucus Augusti, sortearanse camisetas co lema “Doa Sangue” asinadas polos xogadores do CB Breogán.

O venres 24, a unidade móbil estará na Praza do Concello de A Pastoriza, de 16:00 a 18:30 horas e, a continuación, ao carón da Igrexa do Concello de Riotorto, en horario de 19:00 a 21:00 horas. O sábado 25, diante do Concello de Pol, dende as 10:00 ata as 15:00 horas. O luns 27, e o martes 28, estará na Avenida de Monforte (fronte ao comercio Tango) no Concello de Chantada, dende as 16:00 ata as 21:00 horas.

Contrato de patrocinio

A Deputación e o CB Breogán acordaron impulsar o fomento de valores sociais a través do deporte. Para iso, cederanse gratis 15.000 entradas aos partidos do Breogán a colexios públicos, asociacións sen ánimo e colectivos de persoas con capacidades diferentes da provincia; haberá visitas guiadas aos adestramentos do Breogán, que tamén se levarán a distintos lugares públicos do rural lugués; organizaranse actividades sociais como visitas dos xogadores aos colexios, centros de maiores, centros de saúde, hospitais, especialmente, ás unidades onde hai nenos...; haberá partidos con fins benéficos, nos que se recadarán fondos para colectivos sociais; así como encontros mixtos con xogadoras da provincia; celebraranse charlas sobre o deporte como elemento de inclusión social... O equipo participara de xeito activo en campañas contra a violencia de xénero, loita contra o cancro, días solidarios ou de conmemoración, etcétera.