A Deputación promove que os dous partidos do CB Breogán desta semana teñan fins benéficos
- Santos Ramos explicou que “en ambos partidos realizarase unha campaña de recollida de alimentos e tamén estará á venda o calendario solidario que elabora Raiolas para sufragar parte dos custes das terapias e actividades que leva a cabo con persoas con Trastorno do Espectro Autista”
O Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, o Presidente do Club de Baloncesto Breogán, Jesús Lázare Rincón, a Presidenta do Banco de Alimentos de Lugo, Amadora Núñez, o voceiro da Asociación Raiolas, Gonzalo Díaz, e os xogadores celestes Salva Arco e Jonathan Gilling presentaron este luns na sede do Banco de Alimentos de Lugo, as dúas novas accións sociais enmarcadas no contrato de patrocinio que a Deputación de Lugo asinou coa entidade deportiva.
Santos Ramos adiantou que o CB Breogán organizará dúas xornadas de recollida de alimentos nos partidos que disputará no Pazo dos Deportes os días 28 e 30 de decembro. Ademais, adicará o partido do día 28 a difundir o labor do Banco de Alimentos, mentres que o partido do día 30 dedicarase a promover o traballo da Asociación Raiolas. En ambos partidos estará tamén á venda o calendario solidario que elabora esta asociación para sufragar unha parte dos custes das terapias e actividades que leva a cabo con persoas con Trastorno do Espectro Autista.
O Vicepresidente animou, deste xeito, a todos os afeccionados que se acheguen a presenciar os encontros do Breogán do mércores 28 de decembro ás 20:45 horas, e do venres ás 21:00 horas no Pazo, a poñer o seu gran de area achegando alimentos non perecedoiros que serán entregados ás máis de 9.700 persoas beneficiarias de alimentos, e mediante a compra de calendarios solidarios. Para a súa confección, este ano Raiolas contou coa colaboración de diferentes clubs e deportistas lucenses.
Axudas provinciais para o Banco de Alimentos e Raiolas
O Goberno da Deputación colabora estreitamente co Banco de Alimentos e a Asociación Raiolas para garantir o seu labor social. En concreto, o organismo provincial concedeu unha axuda de 6.000 euros ao Banco de Alimentos para sufragar os gastos de aluguer do seu almacén. Por outra banda, o Executivo Provincial acordou realizar unha achega de 90.000 euros á Asociación Raiolas para transformar a antiga gardería do Campus de Lugo no 1º centro de día da provincia para persoas con autismo. Esta axuda, que deberá ser ratificada polo Pleno, únese a subvención nominativa de 21.000 euros que recibe esta asociación para atención ambulatoria.
Contrato de patrocinio
A Deputación e o CB Breogán acordaron impulsar o fomento de valores sociais a través do deporte. Para iso, cederanse gratis 15.000 entradas aos partidos do Breogán a colexios públicos, asociacións sen ánimo e colectivos de persoas con capacidades diferentes da provincia; haberá visitas guiadas aos adestramentos do Breogán, que tamén se levarán a distintos lugares públicos do rural lugués; organizaranse actividades sociais como visitas dos xogadores aos colexios, centros de maiores, centros de saúde, hospitais, especialmente, ás unidades onde hai nenos...; haberá partidos con fins benéficos, nos que se recadarán fondos para colectivos sociais; así como encontros mixtos con xogadoras da provincia; celebraranse charlas sobre o deporte como elemento de inclusión social... O equipo participara de xeito activo en campañas contra a violencia de xénero, loita contra o cancro, días solidarios ou de conmemoración, etcétera.