Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación ofrecerá prazas públicas nas súas residencias tras a teima da Xunta de privatizalas

- Así o adiantou Santos Ramos logo de que que Rey Varela negase de novo convenios de colaboración entre Deputación e Xunta para facelo, insistindo en que SUPLUSA, entidade que se rexe polo dereito mercantil, a que as xestione de xeito privado - Consecuencias de concorrer a prazas a través de SUPLUSA: non se garante que sexan lucenses os que ocupen as residencias da Deputación nin que sexan públicas todas as prazas. Ademais, isto derivaría na xestión privada dos centros para maiores

O Deputado de Benestar, Álvaro Santos Ramos, asistiu este mércores ao Parlamento para escoitar a resposta do Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, á pregunta sobre a vontade do Goberno galego de asinar convenios coa Deputación de Lugo para que que sexan públicas, a través da Xunta, todas as prazas das residencias e centros de día públicos que constrúe en solitario o organismo provincial.

Santos Ramos adiantou que “a Deputación de Lugo vai a dar todos os pasos para que, de acordo cos Concellos nos que hai residencias, e tamén nos que non, pero que desexen que os seus veciños poidan ir aos centros de maiores públicos da institución luguesa, poidan acceder a este servizo público. E farémolo, dende logo, sabendo que a Xunta de Galicia non quere colaborar coa Deputación de Lugo”.

Tras escoitar a intervención do Conselleiro, o Deputado remarcou que “salgo do Parlamento galego co convencemento de a Deputación de Lugo vai a ter que ofrecer prazas públicas tamén en solitario. É inútil intentar entenderse cun Conselleiro mentiroso e cruel no manexo dos datos. Enganou ao Presidente, cando tivo a reunión con el. Hoxe minte, novamente, sobre o que pasou nesa reunión, demostrando, unha vez máis, que o Conselleiro non está para defender o benestar dos lucenses, senón que está para defender os intereses do PP de Lugo, obsesionado en bloquear a apertura das residencias da Deputación de Lugo, obsesionado en que sexa SUPLUSA, que se rexe polo dereito mercantil, a que xestione de xeito privado as residencias para convertelas nun chiringuito e ofrecer prazas privadas aos maiores da provincia, non públicas, tal e como quere o Goberno da Deputación”.

“No ano 2010 a Xunta dixo que SUPLUSA non se podía inscribir como prestadora de servizos sociais, e 7 anos despois, vén este Conselleiro a dicirnos que temos que inscribir a SUPLUSA. É verdade unha cousa que dixo: os que ostentamos responsabilidades públicas debemos observar as normas. Tamén debía engadir que temos que empregar as normas para dar servizos aos nosos cidadáns e, a mellor norma, son os convenios, que non axudan a unha administración, senón ás persoas que desfrutan dese servizo”.

“Iso é o que lle pedimos ao Conselleiro: un convenio de colaboración para que os cidadáns lucenses, que teñen as pensións máis baixas do Estado, onde temos máis de 90.000 persoas con 65 anos e 20.000 con máis de 84, poidan acceder aos servizos dignos na súa vellez. Para iso, non está a observancia das normas, non está a vontade deste Conselleiro, nin dese partido político, porque o que hoxe están a facer aquí é política de partido e non están facendo un uso institucional de representación de verdade. O que fixo aquí é representar a Elena Candia, que ten unha obsesión con que perdeu a presidencia da Deputación de Lugo, que non foi quen de gañar nas urnas, e que lle quere facer o camiño para que poidan ir a SUPLUSA e converter un proxecto de utilidade pública nun chiringuito do PP”.

Mentiras, bloqueos, incumprimentos e ata cambios por intereses partidistas
O Presidente, Darío Campos Conde, e o Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, mantiveron un encontro co Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o 22 de abril de 2016. Tras esa reunión, Rey Varela dixo publicamente: “transmitinlle ao Presidente toda a vontade da Consellería pola axilización de tramites, imprescindibles, sobre todo en Castroverde de A Fonsagrada, que poderían quedar listos nun mes”.

Mentiu. Nada fixo 9 meses despois. A Deputación segue ser recibir os Permisos de Inicio de Actividade (PIA) da Fonsagrada, Castroverde, Trabada e Pol, que son os centros rematados e cuxas licencias de apertura se solicitaron á Xunta. O organismo provincial está a executar as derradeiras obras do centro de maiores de Pedrafita do Cebreiro, polo que de seguido pedirá ao Executivo autonómico o PIA. Cómpre destacar que a institución luguesa leva anos esperando polos permisos de apertura dos centros da terceira idade de Castroverde e A Fonsagrada, pois o Goberno galego do PP esgota o prazo legal de 6 meses para responde e cando o fai pide novos cambios, bloqueando o funcionamento destas instalacións. O PP bloquea as residencias da Deputación.

Se hai máis de 7 anos o Goberno da Xunta do PP dicía que tiña que ser a Deputación de Lugo a que estivese inscrita como entidade prestadora de servizos sociais, agora di o contrario, reclamando que sexa SUPLUSA. A Deputación de Lugo leva anos inscrita no RUES, sendo, polo tanto, entidade prestadora de servizos sociais, tal como demandou o Conselleiro de Política Social.  

O PP négase a asinar convenios entre Xunta e Deputación para a concertación de prazas, mentindo e confundindo ao asegurar que a Lei de Dependencia non os contempla. Todas as administracións asinan convenios de colaboración no seu día a día. Por exemplo, a Deputación asinou 66 convenios con outros tantos Concellos para financiarlles na súa totalidade con 1,5 millóns de euros o Servizo a Domicilio a máis de 1.800 maiores de toda a provincia.

Consecuencias da concertación de prazas a través de SUPLUSA
O Partido Popular tanto no Goberno da Xunta como na provincia de Lugo dende a oposición quere que SUPLUSA concorra con empresas privadas a un concurso de concertación de prazas. As consecuencias disto son, principalmente, as seguintes:

  • A máis grave é que non se garante que os veciños de Lugo ocupen as prazas das residencias da Deputación, pois a Xunta só ten en conta o lugar de procedencia dos usuarios en casos de emerxencia social. Polo tanto, un veciño de Vigo pode rematar na residencia de Castroverde ou un da Fonsagrada nunha de Ourense. Os centros de maiores da Deputación naceron para ofrecer esta prestación aos veciños nos seus propios Concellos ou o máis preto posible para non abandonar o lugar da súa procedencia, tal e como reclaman e se aconsella.
  • Non se garante a concertación das 250 prazas que a Deputación ofrece nos 5 centros que practicamente están listos. Os usuarios das residencias da Deputación son NON DEPENDENTES. A bolsa de prazas que ofrece a Xunta a estas persoas é practicamente inexistente, facendo que a listaxe de espera sexa moi ampla. Polo tanto, moitos maiores veríanse na obriga de pagar ao redor de 1.100 euros, que non teñen, e que é o que custa unha praza.
  • Xestión privada dos centros públicos da Deputación. SUPLUSA é unha entidade que se regula polo dereito mercantil. Polo tanto, a xestión dos centros sería privada. O Goberno da Deputación quere RESIDENCIAS PÚBLICAS CON XESTIÓN PÚBLICA.  

Aclaracións antes os falsos argumentos do PP
1.- O proxecto de construción dunha rede pública de residencias e centros de día dende a Deputación de Lugo foi aprobado por todas as forzas políticas da Corporación Provincial, entre elas por suposto o Partido Popular, é dicir, de xeito unánime, no Pleno de outubro de 2010.
2.- É un proxecto que responde á función equilibradora que debe cumprir a Deputación na provincia, facendo o que outras administracións, como a Xunta, non fan. Por exemplo, dende a década dos 70, a Xunta de Galicia non creou prazas públicas en centros de maiores públicos da provincia. Ademais, bloqueou ou paralizou centros que ía construír a Xunta en Lugo, como os da Fonsagrada ou Becerreá.
3.- Sempre se buscou a colaboración da Xunta, pero o Partido Popular sempre dixo NON á mesma. Cómpre lembrar a reunión que no 2011 o anterior Presidente da Deputación de Lugo mantivo coa anterior Conselleira de Benestar, e na que Beatriz Mato dixo, publica e textualmente, que “os centros de maiores na provincia de Lugo non son necesarios nin prioritarios”.
4.- A localización das residencias en Concellos gobernados por distintas formacións políticas acordouse en base a informes técnicos que se cinguiron, principalmente, nos seguintes parámetros: numero de maiores, despoboamento, paro e municipios nos que non actuasen outras administracións. Resultaron centros en municipios gobernados por diferentes formacións políticas.
5.- Alcaldes de todas as cores políticas reclaman un centro de maiores para o seu Concello debido á súa necesidade, pois non contan con esta prestación para a calidade de vida dos seus veciños. De feito, actualmente son máis os Rexedores que piden á Deputación unha residencia.

Necesidade de prazas públicas
Preto do 30% dos case 340.000 habitantes da provincia de Lugo superan os 65 anos. Desta porcentaxe, case 20.000 teñen máis de 84 anos. Os lucenses de entre 65 e máis de 84 anos superan a media de España. Segundo a OMS, a ratio de prazas residencias debe ser de 5 por cada 100 habitantes maiores de 65 anos. A ratio a nivel estatal é de 4,5 mentres en Lugo é de 3,5. Son necesarias unhas 4.850 novas prazas residencias na provincia lucense para satisfacer este déficit social. 

Hai que ter en conta que a pensión media dun lucense é duns 600 euros. Pola contra, o custo medio dunha praza residencial situase entre os 1.200 e 1.500 euros. A Deputación de Lugo podería abrir este ano 5 residencias e centros de día públicos, sempre que o Goberno galego do PP conceda os PIA. Son as da Fonsagrada, Castroverde, Trabada, Pol e Pedrafita do Cebreiro. Estas 5 instalacións sociais e públicas ofrecerán un mínimo de 250 prazas (150 residenciais e 100 nos centros de día, pois son unhas 30 prazas residenciais por residencia e 20 nos centros de día).