Deputación de Lugo

A Deputación ofrece aos Concellos asistencia técnica para para concorrer ás axudas polos temporais

- A Xunta de Goberno iniciou a compra de materiais coa que o Parque Móbil acondiciona vías provinciais e municipais, aforrando polo tanto cartos aos Concellos - A Area de Xestión Territorial redactará os proxectos de mellora das infraestruturas, evitando aos municipios contratacións externas - Tamén se resolveu a contratación de 54 desempregados da provincia que comezarán a traballar noutras tantas empresas e entidades a través do Ben Empregado

O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, informou este venres que a Xunta de Goberno da Deputación, aprobou unha guía de colaboración para ofrecer aos Concellos asesoramento técnico e administrativo para concorrer ás axudas que vén de aprobar o Goberno Central por dano en infraestruturas producidos polos temporais que tiveron lugar a comezos do 2015.

Santos Ramos explicou que se trata dun novo servizo gratuíto para os municipios que se pon en marcha dende o departamento de Xestión Territorial, pois é a área provincial que conta co persoal especializado para esta prestación. Con esta iniciativa, a Deputación continúa a reducir custes e a aforrar cartos aos municipios lucenses.

“Na provincia de Lugo, segundo o Estado, os 8 Concellos que tiveron desperfectos e, polo tanto, poden concorrer a estas subvencións son: Begonte, Cervantes, Guntín, Lugo, O Incio, Outeiro de Rei, Quiroga e Xermade. O Estado subvenciona ata o 50 % dos custos das actuacións a executar e o prazo de solicitude é de 2 meses” informou o voceiro.

Os Concellos poderán elixir entre dúas vías de colaboración, coas que o organismo provincial lles aforra custes pois, no caso de non contar con persoal especializado, non terán que recorrer a contratacións externas.

1º.- Asistencia técnica e administrativa, que implica o estudo dos danos con visitas in situ dos técnicos, a recompilación de toda a memoria fotográfica sobre o estado da infraestrutura, informes con asesoramento sobre as melloras a levar a cabo para previr posibles novos danos e a redacción dos proxectos finais. 

2º.- Xestión directa, que implica, ademais do asesoramento técnico, da recompilación de toda a información fotográfica e da redacción do proxecto; a tramitación das axudas ante o Ministerio de Facenda e Administración Pública.
Máis forro aos Concellos
A Xunta de Goberno aprobou iniciar o proceso de contratación de novo material para o Parque Móbil co que continuar co arranxo de estradas provinciais e municipais, aforrando cartos aos Concellos, pois a Deputación asume con medios propios o acondicionamento das vías locais. A adxudicación, que é a de áridos para os anos 2016 e 2017, conta cunha partida de 170.000 euros.

Na sesión, tamén se comezou coa contratación dos servizo de impresión, manipulado e entrega nas oficinas de Correos das comunicacións do servizo de Recadación. O importe máximo é de case 38.000 euros para dúas anualidades. Trátase dun servizo imprescindible para poder levar a cabo a xestión da recadación de taxas e impostos que 60 Concellos da provincia teñen delegados na Deputación de Lugo.

Outros acordos
A Xunta de Goberno aprobou actuacións de emerxencia por valor de 60.000 euros na estrada LU-P-5501, de As Rodrigas a Marco de Álvarez, no Concello de Riotorto. Santos Ramos explicou que esta vía viuse moi afectada por todos os temporais que atravesaron a provincia de Lugo durante as últimas semanas. Finalmente acordou tamén iniciar os trámites para a reparación e mellora dos catamaráns.