Deputación de Lugo

O Goberno Provincial da Deputación salva, por 2ª vez, a construción dun centro de día no Vicedo

- A Xunta de Goberno aprobou ampliar o prazo de xustificación das obras que se executan na segunda planta da Casa do Mar para poder ingresar ao Concello os 149.000 euros da fase 1 - A 1ª vez que o Executivo lugués salvou estas actuacións foi tras a decisión persoal do Presidente de dotalas de consignación orzamentaria e incorporalas á súa proposta de Orzamento para 2016. Fíxoo logo de abordar a súa necesidade con veciños e o Alcalde - Outro desempregado lucense comezará a traballar nun establecemento en Triacastela grazas ao Ben Empregado. O luns, a Deputación ofrecerá outro emprego no Páramo

O Goberno Provincial da Deputación salva por segunda vez a construción e equipamento dun centro de día no Vicedo, concretamente na segunda planta da Casa do Mar que xa se está a remodelar, “en claro beneficio dos veciños deste municipio”. Así o remarcou o voceiro socialista, Álvaro Santos Ramos, logo de que a Xunta de Goberno aprobase ampliar o prazo de xustificación das obras para poder ingresar ao Concello os 149.000 euros da fase 1 destes traballos. A primeira vez que o Executivo lugués salvou estas actuacións foi tras a decisión persoal do Presidente, Darío Campos Conde, de dotalas de consignación orzamentaria e incorporalas á súa proposta de Orzamento para 2016. Fíxoo logo de abordar a necesidade desta dotación social cos veciños e co Alcalde.

O voceiro provincial socialista aclarou que “o Presidente é o responsable de salvar a construción dun centro de día no Vicedo, pois estas obras están incluídas no Orzamento da Deputación para 2016 porque así o decidiu el mesmo, como máximo responsable legal que é das contas provinciais, aínda que algúns non queiran ou non lles interese recoñecelo. Cómpre lembrar, que o Goberno de Candia prometeu estas actuacións, como fixo con outras 16 en Concellos gobernados todos eles polo Partido Popular, pero non deixou comprometido o orzamento imprescindible para levalas a cabo. Foi Darío Campos o que decidiu manter este compromiso, respectando o interese dos veciños do Vicedo e do propio Alcalde, con quen se reuniu, precisamente, para abordar a necesidade de executar estas actuacións”. Tras esta reunión, o Presidente decidiu financialas con case 400.000 euros en dúas anualidades (149.000 euros no 2016 e preto de 206.000 euros no 2017).

“Hoxe salvamos por segunda vez estes traballos ao acordar ampliar o prazo de xustificación das obras para que o Concello poida rematalas. Este prazo culminaba en maio. Tendo en conta isto, así como o avance das obras, o Presidente alertou ao Alcalde para que solicitase oficialmente unha prorroga, que é o que aprobamos hoxe”, avanzou.

“E isto non é a primeira vez que sucede. Ao día seguinte de aprobar de xeito inicial o Presuposto de 2016, celebramos unha Xunta de Goberno Extraordinario para salvar obras de 750.000 euros en 7 Concellos da provincia en claro beneficio dos veciños”. Santos Ramos fixo referencias a actuacións nos municipios de Paradela, Baleira, Sober, Cervo, Pantón, Monterroso e Guitiriz.

Emprego
A Xunta de Goberno resolveu a contratación dun desempregado lucense, que comezará a traballar como camareiro nun establecemento do Concello de Triacastela. Tamén, acordou unha nova entidade beneficiaria do Ben Empregado, que solicita un axudante de panadeiro e repartidor para O Páramo. O luns, publicarase en www.deputacionlugo.com, concretamente na Bolsa de Emprego, este novo posto de traballo. Os interesados disporán de 10 días para inscribirse.