Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación promove a visibilidade das enfermidades raras coa iluminación da fachada de San Marcos

Imaxe deputación de lugo
O Executivo Provincial súmase aos actos do 28 de febreiro con motivo da celebración do Días das Enfermidades Raras

O Goberno da Deputación promove a visibilidade das enfermidades raras coa iluminación na noite do 28 de febreiro da fachada do Pazo de San Marcos. O Executivo Provincial súmase deste xeito aos actos organizados pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC), con motivo da celebración do Días das Enfermidades Raras, o último día do mes de febreiro.

A fachada do Pazo de San Marcos iluminarase nas cores vermella e azul, simbolizando a sensibilidade da institución provincial coas persoas e as familias afectadas por doenzas raras. O Goberno da Deputación colabora con diversos colectivos de apoio da provincia, concretamente, coa Asociación de Fibriomialxia Alufi, que recibe unha achega económica de 3.000 euros; Anasbabi Ciclopatías, coa que colabora con 2.000 euros; e a Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), coa que contribúe con 10.200 euros.

Calcúlase que en Galicia hai 300.000 persoas afectadas por enfermidades raras. Coa iluminación de edificios públicos, búscase darlle visibilidade a estas doenzas e sensibilizar a poboación sobre as necesidades das persoas enfermas e as súas familias. Esta iniciativa tamén se repetirá nas institucións doutras cidades galegas.

FEGEREC
A Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas é unha asociación sen ánimo de lucro, composta polas seguintes entidades: Asociación Galega de Lupus (AGAL); Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA); Asociación Galega de Fibrose Quística (AGFQ); Asociación Galega de Ataxias (AGA); Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM); Asociación Galega de Linfedema; Asociación Galega de Retinosis Pigmentaria; delegación galega da Asociación Nacional de Arnold Chiari; Asociación Española de Enfermidade de Behçet, ademais de persoas e familias afectadas por doenzas ultra-raras.