Deputación de Lugo

Este mércores inaugurouse na Universidade de Valladolid a exposición Fotografía: A CEGAS da Deputación

- García Porto inaugurou a mostra na cidade valisoletana que estará exposta ata o 28 de outubro na Sala de San Ambrosio do Palacio de Santa Cruz de Valladolid
- A colección conta con 70 fotografías dos participantes no proxecto da Rede Museística Provincial na que persoas invidentes aprenderon a realizar fotografías cun gran valor artístico
-  Tivo lugar un encontro con varios colectivos da cidade, como a ONCE,  para explicar todo o proceso e as dinámicas de traballo que se levan acabo nestes obradoiros

A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, inaugurou este mércores a exposición Fotografía: A CEGAS, na Universidade de Valladolid que estará exposta ata o 28 de outubro na Sala de San Ambrosio do Palacio de Santa Cruz de Valladolid. Fíxoo xunto a Directora do Museo de Arte Africano Arellano Alonso da UVA, Aurelia Aguado Álvarez, a Vicerreitora de estudantes, extensión universitaria e cultura da Universidade de Valladolid, Felicidad Viejo Valverde, e a Xerente da Rede Museística Provincial da Deputación de Lugo, Encarna Lago González. Despois da inauguración, tivo lugar un encontro con varios colectivos da cidade, como a ONCE, para explicar todo o proceso e as dinámicas de traballo que se levan acabo nestes obradoiros.

García Porto quixo poñer en valor “o traballo de todos os docentes e persoal da Rede Museística Provincial de Lugo que participan e fan posible que Fotografía: A CEGAS cumpra unha labor social, de igualdade, imitada en numerosos centros culturais de toda España. Quero convidar a todas as persoas a que se acheguen a esta mostra que pon de manifesto a importancia da fotografía como vehículo de cambio na sociedade” subliñou a Deputada.

Nesta mostra expóñense 70 fotografías dos participantes no Fotografía: A CEGAS, o proxecto da Rede Museística Provincial de Lugo na que persoas invidentes, coa axuda de profesionais, artistas e persoal dos catro museos da provincia, aprenderon a realizar fotografías cun gran valor artístico. No obradoiro tamén recibiron leccións sobre a historia da fotografía e coñeceron o funcionamento das cámaras.

No mes de decembro o Museo Provincial de Lugo acollerá todos os traballos e materiais producidos polos participantes nos talleres de fotografía dos diferentes museos da provincia.
A Rede Museística Provincial de Lugo xa foi premiada no 2011 co Premio Solidaridad da ONCE (Organización Nacional de Ciegos Españoles) polo seu traballo e implicación con este colectivo.