Deputación de Lugo

Máis de 30 fachas arderán mañá en Taboada na Queima das Fachas coa que colabora a Deputación

- García Porto presentou este martes no Pazo de San Marcos a Queima das Fachas que se celebra o 7 de setembro na Parroquia de Castelo, do Concello de Taboada - Haberá unha pulpada ás 21:00 horas no Castro, ás 23:00 horas comezará a Queima das Fachas e para rematar unha verbena coa orquestra O Combo Dominicano - O organismo provincial achega unha axuda económica de 4.000 euros para a celebración. A Fundación TIC tamén colabora coa difusión da festa cun vídeo

A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, presentou este martes no Pazo de San Marcos a Queima das Fachas, organizada pola Asociación Cultural As Fachas, que se celebra o 7 de setembro na Parroquia de Castelo, no Concello de Taboada. Fíxoo xunto a Manuel Fidalgo, Presidente da Asociación As Fachas. O organismo provincial colabora coa celebración desta cita cunha achega económica de 4.000 euros e coa difusión da festa cun vídeo realizado pola Fundación TIC.

García Porto suliñou que “ a Queima das Fachas, declarada Festa de Interese Turístico Galego, é xa unha das celebracións referencia na Ribeira Sacra lucense, e un exemplo de manter as tradicións que nos caracterizan como cultura ao longo de tanto tempo”.

A xornada comezará ás 21:00 horas coa pulpada no castro de Castelo. A queima desenvolverase ás 23:00 horas no castro, onde se celebra dende hai 2.000 anos. Ao rematar a queima das fachas comezará a verbena coa orquestra O Combo Dominicano.

Queima das Fachas
Trátase dunha tradición celta da que non se ten constancia escrita, pero si se coñece que se mantivo durante a época romana, ata o punto de sobrevivir ata os nosos días. Tense a crenza de que o motivo desta queima era para comunicarse con outros castros ou para a celebracións festivas.

As fachas son estruturas que poden alcanzar entre os 8 ou 9 metros de altura e que están feitas de madeira e agucios (arbustos moi combustibles de arredor de 1 metro, con talo liso e recto). Utilízase como base un tronco delgado e recto e sobre el vanse enlazando os agucios que se recollen en xullo e agosto. Tras deixalos secar, vanse montando ao redor do tronco en sentido vertical, ensamblándose uns con outros, de maneira que só vexamos os extremos dos agucios nas partes inferior e superior da facha.

Asociación Cultural As Fachas
A Asociación Cultural As Fachas constituíuse a finais de 1992 e ten entre os seus obxectivos procurar que non se extinga a realización das Fachas, a súa organización e a restauración da antiga escola da parroquia. Ademais tamén colaboran naquelas iniciativas veciñais que buscan o beneficio e a conservación patrimonial da parroquia.

Na actualidade integran a asociación 290 persoas de todas as idades involucradas co proxecto e convencidas do interese que ten manter e impulsar este tipo de tradicións, cuxos orixes se remontan a máis de 2.000 anos.

Programación
Mércores 7 de setembro.-
Ás 21:00 horas comezan as festas na parroquia de Santa María de Castelo, pertencente ao municipio de Taboada coa gran pulpada no Castro. Ás 23:30 horas, terá lugar a tradicional Queima dás Fachas. A noite culminará coa celebración dunha gran verbena a cargo da orquestra O Combo Dominicano.

Xoves 8 de setembro.-
A xornada comezará coa celebración da misa solemne en honra a Santa María de Castelo ás 13:30 horas, seguida da sesión vermú. Pola noite, gran verbena a cargo da orquestra Nova Forza.

Venres 9 de setembro.-
Ás 13:30 horas oficiarase a misa solemne en honra á Santa seguida da sesión vermú. Pola noite, todos os asistentes gozarán dunha gran verbena a cargo dun grupo musical que amenizará a velada ata altas horas da madrugada para poñer o broche final a estas festas.