Deputación de Lugo

A Sociedade Micolóxica Lucus presenta a III Revista Micolucus, coa que colabora a Deputación

- Esta III edición, que conta cunha achega provincial de 3.000 euros, conta con 18 artigos que afondan en especialidades como micoloxía, botánica ou zooloxía
- A Deputada destacou que “esta publicación abre as portas as novas vías de difusión do patrimonio natural lucense, sobre todo nas Reservas da Biosfera da Deputación”
- López Izquierdo lembrou que Terras do Miño, xestionada pola Deputación, foi escenario dun novo achado, un fungo denominado Xerocomellus poederi  

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e o Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, presentaron este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a III Edición Micolucus, a revista lucense que busca defender, promocionar e divulgar a micoloxía na provincia, e coa que colabora a Deputación cunha achega de 3.000 euros.

López Izquierdo subliñou que a publicación, “busca converterse nun referente no eido medioambiental, non só na provincia senón tamén do país.  Esta publicación abre as portas as novas vías de difusión do patrimonio natural lucense, sobre todo nas Reservas da Biosfera, que xestionamos dende a Deputación de Lugo”.

Pola súa banda, o Presidente da Sociedade agradeceu á Deputación o seu apoio e afirmou que “sen a súa sensibilidade e apoio non sería posible editar esta revista que hoxe presentamos”.

Nesta terceira edición, inclúense nas súas 116 páxinas 18 artigos, nos que se afonda en temáticas micolóxicas, botánica, zooloxía ou micogastronomía, entre outros. Esta publicación, caracterizada polo amplo rigor, pois está composta por traballos dunha altísima calidade informativa elaborada por expertos na materia que contan cun grande recoñecemento a nivel profesional

Novo fungo
López Izquierdo lembrou todo o traballo feito no eido micolóxico na provincia e subliñou que  recentemente, a Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionada pola Deputación de Lugo foi o escenario dun novo achado para a ciencia, un fungo denominado Xerocomellus poederi, publicado na revista internacional Persoonia en xullo de 2016.

O descubrimento foi posible grazas ao Departamento de Biología Vegetal de la Universidad de Alcalá de Henares, tras as mostras obtidas no contexto do VII Encuentro Internacional de Micología del Arco Atlántico, celebrado en Lugo no 2013 e organizado pola Deputación de Lugo e a Sociedade Micolóxica Lucus. Este descubrimento é unha mostra máis da diversidade e a riqueza fúnxica que existe nos ecosistemas da Reserva da Biosfera Terras do Miño.