Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación e 13 Concellos abordan as consecuencias do Decreto da Xunta sobre o eucalipto

- Representantes de 13 Concellos lucenses participaron na 1ª xornada informativa organizada polo Goberno da Deputación sobre o proxecto de Decreto do eucalipto, que prohibe a súa plantación en 29 Concellos lucenses
- Francisco Marey, profesor da Escola Politécnica Superior, advertiu que con este Decreto “Lugo pode perder un tren máis”, xa que o eucalipto representa un aproveitamento forestal moi importante para as rendas das comunidades do rural
- Alcaldes afectados subliñaron que “se está a promover, unha vez máis, unha Galicia de dúas velocidades” e que “a prohibición de plantar eucalipto vai ser definitiva para que a xente abandone o rural”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo esta mañá, no salón de actos de San Marcos, un encontro informativo con 13 Alcaldes e representantes municipais da provincia, con motivo da próxima entrada en vigor do Decreto da Xunta que regula as repoboacións de eucaliptos e que prohibe a súa plantación en 29 Concellos lucenses.  O encontro contou coa intervención de Francisco Marey, profesor da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, que advertiu que con este Decreto “Lugo pode perder un tren máis”, xa que o eucalipto representa un aproveitamento forestal moi importante para as rendas das comunidades do rural.

Pola súa parte, Campos Conde cuestionou un Decreto que traza unha liña vermella no territorio sen atender a xustificacións técnicas e reclamoulle á Xunta unha xestión forestal baseada en indicadores científicos, sociais e ambientais. Ademais, o Presidente sinalou a importancia deste primeiro encontro para que que os representantes municipais expoñan a súa visión sobre o proxecto do Decreto e anunciou a organización dunhas xornadas abertas ao público para o mes de marzo, nas que participarán distintos actores e voces implicados nesta problemática.

Pola súa parte, os Alcaldes que interviñeron no debate, como o de Castroverde, José María Arias, e o da Fonsagrada, Argelio Fernández, criticaron que non se tivera en conta os Concellos e a poboación dos territorios á hora de redactar o proxecto do Decreto do eucalipto e reivindicaron o valor dos Plans de Ordenación Municipal, que xa determinan os distintos usos forestais do solo e dan cabida a todas as especies, dende o eucalipto ás frondosas, atendendo a criterios de sostibilidade e aos intereses das comunidades do rural. Neste senso, Arias advertiu de que se está a promover, unha vez máis, “unha Galicia de dúas velocidades” e Argelio Fernández alertou que a prohibición de plantar eucalipto “vai ser definitiva para que a xente abandone o rural”.

O profesor Marey avogou por dúas alternativas ao Decreto de prohibición do eucalipto: a creación de Plans de Ordenación dos Recursos Forestais (PORF) adaptados á realidade de cada Concello e a introdución de condicionalidades nos cultivos intensivos de eucaliptos, que lles esixan aos produtores a dedicación dunha cantidade mínima de hectaréas ás frondosas. Deste xeito, sinalou, faríase unha xestión forestal sostible e podería certificarse a madeira.

O encontro foi impulsado polo Goberno da Deputación para dar resposta ás inquedanzas e preocupacións dos Concellos lucenses afectados polas novidades lexislativas da Xunta.
Participaron na reunión representantes dos seguintes Concellos: Baleira, Baralla, Becerreá, Castroverde, Cervantes, Fonsagrada, O Incio, Láncara, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pantón e Pedrafita do Cebreiro.

Xornadas abertas ao público en marzo
O Goberno da Deputación está traballando na organización dunhas xornadas dedicadas ás plantacións de eucaliptos, para dar resposta ás inquedanzas sociais suscitadas pola divulgación do proxecto de Decreto da Xunta que regula esta especie. A organización destas xornadas é unha proposta do órgano de participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que se reuniu o pasado mes de decembro.

As xornadas serán abertas ao público e contarán con voces de colectivos de produtores forestais, ecoloxistas, Alcaldes e técnicos, que expoñerán os diferentes argumentos e datos que avalan os diferentes posicionamentos en torno ao cultivo do eucalipto.