Deputación de Lugo

A Deputación acolle a celebración dun pleno infantil dos alumnos do IES Ánxel Fole de Lugo

-  Sonsoles López mantivo un encontro cos estudantes e convidounos a asistir a un pleno da Deputación para que coñezan o funcionamento da institución - Durante o pleno infantil, os estudantes aprobaron a restauración e posta en valor do castro da Piringalla e a posta en marcha dunha campaña de divulgación dos espazos protexidos

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López, mantivo un encontro este martes cos
50 alumnos e alumnas do IES Ánxel Fole de Lugo, que celebraron un pleno infantil que tivo como tema central a conservación da natureza. Esta actividade puxo fin á 3ª Semana Escolar da Provincia, organizada pola Deputación, e na que participaron 9.000 estudantes.

A Deputada de Medio Ambiente destacou a sensibilidade ambiental dos rapaces e rapazas, ao optar pola conservación do Rato, “un río que xa está moi explotado”, e cualificou de “preciosa” a iniciativa de posta en valor da Piringalla, “unha zona que coñezo moi ben porque alí fun ao instituto e xoguei moito por esa zona”. Ademais, a Deputada convidou ao alumnado e ao profesorado a asistir a un pleno da Deputación, para que poidan coñecer como se producen as tomas de decisións.

Durante a sesión, os estudantes, que cursan 3º da ESO, representaron un pleno no que efectuaron as funcións de presidente, vicepresidente, secretario, grupos políticos e mesmo de público. As propostas sobre as que debateron foron tres: a explotación turística do río Rato, a creación dunha partida para a divulgación e conservación dos espazos naturais protexidos e a creación dunha zona de interese natural na zona do castro Piringalla.

Tras a representación do pleno, o alumnado puido coñecer as instalacións do Pazo de San Marcos cunha visita guiada.

O pleno infantil clausurou á 3ª Semana Escolar da Provincia, que este ano estivo dedicada a divulgar o patrimonio natural lucense. A iniciativa recibiu unha extraordinaria acollida coa participación de 46 centros de Educación Secundaria, que implicaron a 568 docentes e a 9.000 alumnos nas actividades propostas. Entre elas, destaca a edición do libro-manual Viaxe ao patrimonio natural lucense, un caderno de viaxe no que a personaxe condutora de todos os manuais creados para esta actividade nos cursos pasados, Alba, vai percorrendo a provincia e coñecendo os diversos espazos naturais, facendo fincapé nas zonas protexidas, nas augas e na biodiversidade, así como no valor patrimonial e a importancia cultural que supoñen.

Obxectivos
Os obxectivos da 3ª Semana Escolar da Provincia son divulgar entre a mocidade a realidade e diversidade da natureza de Lugo, espertar a curiosidade máis aló dos fenómenos esquemáticos, técnicos ou universais da materia de Ciencias naturais, fomentar o interese por unha realidade que nos circunda e que, por cotiá, non resulta apreciada en todas as súas dimensións e impulsar a necesidade da conservación do hábitat natural como ben presente e de futuro.