Deputación de Lugo

A exposición Saúde e Terra, irmá(n)s! trae o legado das Irmandades da Fala a Lugo, onde poderá verse ata o día 27

- A Deputación achega ao Pazo de San Marcos a mostra en conmemoración aos 100 anos das Irmandas da Fala, organizada pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego
- A mostra amosa unhas 130 pezas, documentos e primeiras edicións orixinais da época para percorrer o herdo dun movemento pioneiro de dignificación e modernización da lingua e da cultura galegas

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este venres a exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, que acolle a Sala de Exposición do Pazo de San Marcos ata o 27 de novembro. Trátase da mostra que conmemora os 100 anos da fundación das Irmandades da Fala. O organismo provincial colabora con esta iniciativa, que tamén conta co apoio do Concello de Lugo, e que impulsa o Museo do Pobo Galego, Real Academia Galega e Deputación da Coruña.

De feito, na inauguración tamén participaron, Xosé Manuel González Reboredo, Presidente da Xunta Reitora do Museo do Pobo Galego; a Arquiveira e Bibliotecaria da RAG, Margarita Ledo Andión; a Vicepresidenta da Deputación de Coruña, Goretti Sanmartín Rei; e o Tenente de Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez.

Campos Conde subliñou que “tras o seu paso polas principais cidades de Galicia, temos o privilexio de recibir, por primeira vez na nosa provincia, arredor de 130 pezas, que recollen a labor dun movemento pioneiro, que dignificou e modernizou a lingua e a cultura galega. Esta mostra conta con 10 espazos, que afondan na orixe dunha etapa fundamental da nosa terra, pois  axudou á normalización da nosa lingua, ao rexurdimento literario e á igualdade de xénero, sendo un exemplo de compromiso coa cultura e a identidade galega. Ademais, esta exposición coincide co aniversario da I Asemblea Nacionalista, celebrada nesta cidade os días 17 e 18 de novembro de 1918. Neste encontro, as Irmandades apostaron, definitivamente, polo seu carácter nacionalista, deixaron atrás o rexionalismo”.
 
Neste senso, Miguel Fernández apuntou que “a asamblea das Irmandades declarouse en Lugo pola autonomía de Galicia e pola oficialización dos idioma galego, pero tamén pola iguadade de dereitos das mulleres e por unha serie de medidas políticas progresistas que hoxe, dun xeito ou doutro, son pensamento común de todos os demócratas. Ao caer a ditadura de Primo de Rivera, ao chegar a Segunda República, os homes e mulleres das Irmandades entraron naturalmente nun novo tempo de acción política. Os irmandiños da Fala militaron no Partido Galeguista, pero tamén na Organización Republicana Galega Autónoma, e, por suposto, permítanme dicilo con orgullo, no Partido Socialista, que sempre lembrará a Xaime Quintanilla, membro de primeira hora das Irmandades e Alcalde de Ferrol polo Frente Popular, que pagou a súa militancia socialista e galeguista o 18 de agosto de 1936, sendo fusilado xunto á tapia do cemiterio de Canido”. 

Goretti Sanmartín fixo especial fincapé na vontade da organización de que, á hora de cadrar o calendario de itinerancia, a exposición estivese en Lugo no mes de novembro, cadrando co aniversario deste feito histórico para o desenvolvemento do nacionalismo político no país. A Vicepresidenta lembrou a vontade do Manifesto aprobado na xuntanza dunha Galicia como “dona absoluta de si mesma”, nun revelador texto en que se defendía unha “soberanía, completa e sen cativeces”. Destacou a relevancia da exposición que, ao longo de todo o 2016 está a percorrer as cidades galegas, á hora de difundir no seu centenario un legado que definiu como “crucial para a construción do país en todos os ámbitos, ás Irmandades debémoslle a planificación con vontade de sermos en todos os ámbitos, en especial, na lingua, mais tamén nos distintos campos da cultura ou da organización política e social”. “As Irmandades supoñen un punto de inflexión, que significa coherencia entre teoría de defensa da lingua e praxe social: a lingua galega úsase en todos os contextos e para todo”, engadiu.

Destacou tamén o papel xogado polas mulleres no movemento, como se desprende da creación de agrupacións femininas, participación en actos ou mesmo presenza nas distintas publicacións. “Temos que lembrar que é no Manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo en que se recolle expresamente a igualdade de dereitos pra muller como un dos problemas políticos recoñecidos”, lembrou Goretti Sanmartín, ao tempo que enumerou algúns dos nomes de mulleres con recoñecida actividade nas Irmandades da Fala, entre elas, Amparo López Jean, María Miramontes, Elvira Bao ou Micaela Chao Manciñeira.

A representante da Real Academia Galega, Margarita Ledo, tamén citou compromisos explicitados en Lugo polos irmáns. “Nós, nomeámonos d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos. Esta declaración forma parte do texto manuscrito da I Asemblea Nacionalista. É un dos documentos que representan unha época na que recoñecérmonos”, expresou Margarita Ledo, que tamén quixo salientar o papel das mulleres neste movemento. “Eles e elas, porque tamén as mulleres erguen a voz, déronse unha identidade inequívoca coa Fala, sinécdoque de nación; organizáronse e foron conscientes de que cumpría dárense a coñecer con eventos, publicacións, accións. Distinguíronse polo combate aos estereotipos e fixérono profundando no coñecemento de Galicia e a posta en común dese coñecemento, mesmo con iniciativas didácticas coma as Escolas do Insiño Galego e cun programa modernizador que, da economía á política, profesaba o principio de igualdade home-muller”, engadiu.

Margarita Ledo subliñou ademais a “calidade intelectual e emocional” dos materiais expostos na mostra e do seu artellamento discursivo, e recordou que a exposición é froito da colaboración das tres institucións organizadoras e de arquivos, persoas e outras entidades. A RAG está tamén a celebrar o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita  e prelos, que celebrará o xoves 20 de novembro unha nova mesa no Pazo de San Marcos sobre Lois Peña Novo, Vicente Risco e Ramón Cabanillas.

Xosé Manuel González Reboredo, en representación do Museo do Pobo Galego, mencionou tamén a importancia da Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo en 1918 e destacou o valor desta exposición para difundir o legado das Irmandades. “Contribúe a que se coñeza un pouco mellor o que foron as Irmandades da Fala e a importancia que tiveron dentro da historia de Galicia contemporánea, en concreto do século XX”, expresou.

Á celebración do centenario da fundación das Irmandades, proseguiu González Reboredo, debe sumarse “no futuro inmediato” a outros “feitos fundacionais moi importantes que seguiron as Irmandades e que, en certo modo, foron un desenvolvemento, un engrandecemento dos principios que no seu primeiro momento estas defenderan”. Referiuse así ao centenario da revista Nós, no ano 2020, ou ao da fundación do Seminario de Estudos Galegos, “que foi o que lle deu un corpo científico ao movemento das Irmandades da Fala”. Por último, lembrou que o Museo do Pobo Galego celebrará do 17 ao 19 de novembro o Simposio Repensando Galicia: As Irmandades da Fala, 1916-1931.

Irmandades da Fala
O 18 de maio de 1916 nacía na Coruña, nunha xuntanza celebrada na daquela sede da Real Academia Galega, a primeira das Irmandades da Fala. Nas semanas seguintes, este movemento concibido polos irmáns viveirenses Villar Ponte coa arela de estender o uso do galego a todos os contextos orais e escritos espallouse rapidamente por Galicia. As Irmandades promoverían ademais un novo rexurdimento cultural e tamén unha nova etapa do galeguismo político. Un século despois, a Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego están a difundir o legado dos homes e mulleres que fixeron posible este fito que marcou un antes e un despois na historia de Galicia a través da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!

Dez espazos para profundar na dimensión global das Irmandades
O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades seguindo dez temas que profundan na súa cerna. Cada un desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Pódese contemplar ademais unha escolma de pezas  vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.

A través destes dez espazos, o público achégase á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada, en primeiro lugar, na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas (os irmáns Villar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco…); o novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editoriais como Céltiga, Lar ou Nós, dirixida por Ánxel Casal; o intento de conformación dun teatro galego que superase o ruralismo e a aposta polos coros como xeito de chegar ás masas; o compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey; o cultivo das ciencias sociais e experimentais ao servizo de Galicia, que callou arredor da creación do Seminario de Estudos Galegos, a creación das Escolas do Insiño Galego ou a importancia que lles concederon aos medios de comunicación as Irmandades, que se dotaron do seu propio voceiro, A Nosa Terra, e promoveron a reaparición d’O Tío Marcos d’A Portela, entre outras cabeceiras editadas en Galicia e na diáspora.

Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola “igualdade absoluta, política e civil da muller e do home”. Esta declaración dunha asemblea de irmáns e irmás reflicte o compromiso político do movemento nuns tempos nos que o voto feminino aínda tardaría anos en chegar. As mulleres loitan na Irmandade Feminina, creada na Coruña en 1918, participan no teatro, aparecen nas palestras dos mitins e algunhas colaboran n’A Nosa Terra.  Con dirixentes como Amparo López Jean, Micaela Chao, Elvira Bao ou María Miramontes, empezaron sendo un medio cento, pero na década dos 30 a cifra foi en aumento ata chegaren a ser o 10% da militancia do Partido Galeguista.

Pezas prestadas
Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares. Entre as pezas integradas nas cabinas, figuran obxectos persoais como as lentes de Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Villar Ponte e Antonia Pardo, unha plumiña de Álvaro Cebreiro, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade e o violín que Manuel Quiroga doou ao seu amigo Antón Losada Diéguez; o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, outro texto manuscrito do programa da I Asemblea Nacionalista ou a carta-nota ao gobernador civil que anuncia que a Irmandade da Fala se converterá no Partido Galeguista.

O estandarte de “Queixumes dos Pinos” da Coral Polifónica Follas Novas (1922), os óleos “Soidade”, de María Corredoira,  “Valle Esmeralda” (1912), de Francisco Lloréns e “Nube da tarde”, de Imeldo Corral; e a talla “Galicia, Nai e Señora”, de Uxío Souto (1926), tamén forman parte da exposición.

Escoitando as Irmandades
Saúde e Terra, irmá(n)s! é unha exposición para ver, pero tamén para oír. Ademais do devandito disco coa primeira gravación Himno galego, permite escoitar os versos de Cabanillas convertidos no himno “Pregaria” polo irmán Baldomir, interpretado en exclusiva para a mostra polo cuarteto Os Rebentos.

Na mostra exhíbese ademais un dos cartóns postais nos que se difundiu a partitura e a letra, na que o poeta se referiu inicialmente a Galicia como “rexión”, termo que cambiaría polo de “nación” nunha versión posterior. Outro documento sonoro creado para a ocasión permite escoitar a muiñeira para piano que Faustino Temes compuxo para o xornal galeguista Galicia. Diario de Vigo. A cabeceira galeguista, editada entre 1922 e 1926 e da que foi redactor xefe Roberto Blanco Torres, contou entre a súa nómina de colaboradores con distintos membros das Irmandades. A melodía escrita para o xornal serve de fondo musical á creación audiovisual que completa o percorrido.

Entidades colaboradoras
O proxecto expositivo de conmemoración do centenario das Irmandades da Fala organizado pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego conta co apoio de catorce entidades colaboradoras: a Real Academia Galega de Belas Artes; as fundacións Penzol, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Alexandre Bóveda, Isla Couto, Antonio Fraguas, Galiza Sempre e Moncho Reboiras; o Museo de Pontevedra, o Departamento de Galego-Portugués da UDC e Galiza Cultura.

Ademais dos fondos cedidos para a ocasión pola RAG e o Museo do Pobo Galego, a maioría de entidades colaboradoras participan tamén na mostra como prestadoras. Esta homenaxe ás Irmandades amosará tamén documentos e pezas de arte cedidas tanto pola Fundación Barrié, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Museo Carlos Maside, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Parlamento de Galicia e a Biblioteca Provincial da Coruña, como por particulares, algúns deles familiares de integrantes das Irmandades da Fala.