Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación contribúe coa promoción da Montaña coa Festa da Androlla de Navia de Suarna

O Presidente e o Alcalde de Navia participaron este domingo nesta cita que conta cunha achega da Deputación de 3.000 euros

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, participaron este domingo na vixésimo sétima edición da Festa da Androlla de Navia de Suarna, cuxa celebración conta cunha achega provincial de 3.000 euros.

Campos Conde sinalou que esta cita “contribúe a promoción da Montaña, poñendo en valor un dos seus punteiros recursos, como son os produtos autóctonos ao tempo que axuda a desestacionalizar o turismo, pois ducias de persoas veñen a comarca a desfrutar, neste caso, da androlla, ademais das paisaxes únicas dos Ancares, espazo recoñecido pola UNESCO. Temos que dar a coñecer os tesouros únicos cos que contamos na nosa provincia para dinamizar a economía, xerar emprego e facer fronte ao despoboamento demográfico.  

Durante a xornada, poderanse degustar 200 quilos de androlla, que se servirán, de xeito gratuíto, acompañada de rosca de Navia, un doce típico da zona. Hai 30 stands de venda de produtos gastronómicos da Montaña, entre os que se encontran, ademais da androlla, outros produtos cárnicos, queixos artesanais ou mel, entre outros.