Deputación de Lugo

Invidentes serán reporteiros gráficos no partido do Breogán deste sábado, que conmemora o Día Mundial contra o Cancro

- O club lucense acreditará aos alumnos invidentes do programa de fotografía do Goberno da Deputación no encontro ante o Lleida. As imaxes que realicen formarán parte da nova exposición no Museo Provincial sobre o 50 aniversario do Breogán - Santos Ramos subliñou que “dende a Deputación queremos favorecer proxectos que rompan calquera barreira entre persoas, polo que, a través deste tipo de accións, fomentamos a integración para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria” - O partido, que terá lugar o sábado no Pazo dos Deportes, dedicarase, ademais, a conmemorar o Día Mundial Contra o Cancro, coincidindo coa data da súa celebración. Repartirase información sobre a prevención e hábitos de vida saudable - Estas iniciativas enmárcase dentro do contrato de patrocinio que o CB Breogán e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto

O Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, acompañado polo Presidente do CB Breogán, Jesús Lázare Rincón, e a Presidenta da Asociación Española Contra el Cáncer, Mariluz Abella, presentaron este mércores dúas novas iniciativas sociais, enmarcadas dentro do contrato de patrocinio, que o club de baloncesto e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto.

Santos Ramos explicou que “no vindeiro partido do CB Breogán contra o Lleida, deste sábado, os alumnos invidentes do programa de actividades de fotografía do Goberno da Deputación no Museo Provincial, chamado Fotografía: A CEGAS, serán acreditados, xunto aos seus monitores, para exercer de reporteiros gráficos durante o devandito encontro, no que, ademais, conmemoraremos o Día Mundial contra o Cancro, coincidindo coa data da súa celebración”.
 
Esta iniciativa, enmárcase dentro do proxecto Fotografía: A CEGAS. O sábado, os seus participantes, que son invidentes, tratarán o fotoxornalismo. A xornada arrancará ás 17:00 horas no Museo Provincial. Ás 20:00 horas, rematarán as prácticas, exercendo de reporteiros gráficos durante o partido do Breogán. O resultado do seu traballo será exposto no Museo Provincial, na exposición que se inaugurará con motivo da celebración do 50 aniversario do CB Breogán. Tamén se publicará nas diferentes canles do club celeste e do organismo provincial, e será motivo dun dos artigos da revista dixital do Breogán.

O Vicepresidente engadiu que “dende a Deputación queremos favorecer proxectos que rompan calquera barreira entre persoas polo que, a través deste tipo de accións, fomentamos a integración para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

Día Mundial Contra o Cancro
O día 4 de febreiro foi instaurado no ano 2000 como Día Mundial Contra o Cancro co obxectivo de aumentar a concienciación e mobilizar á sociedade para avanzar na prevención e control desta enfermidade. Deste xeito, o encontro do CB Breogán ante o Lleida estará dedicado, ademais, á conmemoración desta data. Así o informou Santos Ramos quen subliñou que “o cancro é unha das principais causas de morte en España. Un de cada tres homes e unha de cada catro mulleres serán diagnosticados de cancro ao longo da súa vida. Porén, segundo datos da AECC, aproximadamente o 40% dos cancros poderíanse evitar, levando un estilo de vida saudable”.

Pola súa parte, a Presidenta da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Mariluz Abelleira indicou que “na Xunta Provincial de Lugo queremos realizar unha campaña informativa centrada na prevención, utilizando o Pazo dos Deportes como escenario, nun evento deportivo moi concorrido como é un partido de baloncesto do Breogán, visualizando a nosa acción en materia de prevención”.

Con este obxectivo, durante o encontro repartirase a todos os asistentes un pack composto por unha mazá en unha bolsa colectora con información relativa á prevención e hábitos de vida saudables e aos programas e servizos gratuítos que a AECC realiza na provincia de Lugo.  Esta asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.