Deputación de Lugo

 “Non estamos dispostos a asumir que os 15 millóns de cartos públicos investidos nas residencias non sexan para os lucenses”

Imaxe deputación de lugo
- Así o salientou o voceiro do Goberno Provincial tras explicar os dous modelos “totalmente confrontados de PSOE e PP” sobre a rede de residencia da Deputación - “O PSOE defende residencias públicas con prazas públicas para os veciños da provincia. O PP quere prazas xestionadas por unha sociedade mercantil, que non se garaten que sexan para os lucenses” - “Co modelo do PP benefícianse as persoas da lista autonómica, que poden ser veciños de Vigo, Redondela, Xinzo... Para isto non se fixo un grande investimento público dende a Deputación coa colaboración dos Concellos lucenses” - “Estamos a dar os primeiros pasos para garantir que as residencias da Deputación sexan públicas e con prazas públicas. Para que, por exemplo, os veciños da Fonsagrada poidan ir á residencia da Fonsagrada, ou os de Castroverde á residencia de Castroverde, aínda que teñan pensións baixas”

O voceiro do Goberno Provincial e Deputado de Benestar, Álvaro Santos Ramos, explicou este venres os dous modelos totalmente confrontados do Executivo Socialista na Deputación e do Partido Popular sobre a rede de residencias e centros de día públicos, que constrúe o organismo provincial en Concellos lugueses.

Santos Ramos apuntou que “a Xunta de Galicia non ten ningún plan máis que o de colaborar co PP de Lugo para que as residencias da Deputación sexan privadas e non beneficien aos lucenses. Trátase dun modelo que choca co que defendemos dende este Goberno, no que apostamos por que sexan públicas e para os nosos veciños”.

“É un choque frontal, no que o PSOE, dende unha institución pública como a Deputación, pon á disposición dos veciños da provincia prazas de residencias públicas nos seus Concellos. O PP quere prazas privadas, xestionadas dende unha sociedade mercantil que aspira gobernar para convertela nun chiringuito, cuxos usuarios non se garante que sexan lucenses. O que non está disposto a asumir o Goberno da Deputación é que o investimento dos nosos veciños, os cartos públicos achegados para a construción dunha rede de residencias públicas na nosa provincia, non sexa para o desfrute dos lucenses”.

“Por iso, despois de ter clara cal é a vontade da Xunta de Galicia (a de colaborar co PP de Lugo), estamos a dar os primeiros pasos para garantir que as residencias da Deputación sexan públicas e con prazas públicas dirixidas aos veciños desta provincia. Este Goberno vai poñer en marcha as residencias, para que, por exemplo, os veciños da Fonsagrada poidan ir á residencia da Fonsagrada, ou os de Castroverde á residencia de Castroverde, aínda que teñan pensións baixas”.

“O Partido Popular propón que SUPLUSA sexa a entidade prestadora de servizos sociais, que concorra a un concurso, que a saber como sacará a Xunta de Galicia, que teña prazas concertadas, pero prazas que, de ningún xeito, están garantidas para as persoas de Lugo. Poderiamos estar ante a posibilidade de que na residencia de Castroverde ou na residencia da Fonsagrada houbese prazas concertadas da Xunta de Galicia, pero das que se beneficiarán as persoas que estean na lista de espera autonómica, que poden ser veciños de Vigo, Redondela, Xinzo, Betanzos, Pontedeume ou Ferrol. Para isto non se fixo un grande investimento público dende a Deputación coa colaboración dos Concellos lucenses”.

“Dende a Deputación de Lugo fixemos unha residencia en Castroverde, outra en Fonsagrada, Pol..., en diferentes municipios co obxectivo de que a xente de aí teña os seus servizos, que pagaron cos seus impostos. A Deputación de Lugo non investiu 15 millóns de euros para os veciños doutras provincias, que tamén terán dereito a ese servizo pero que, dende logo, non ten que asumir a Deputación de Lugo”.

“Para que non teñan que andar peregrinando por Galicia”
Santos Ramos destacou que “este Goberno deuse conta hai xa anos de que a construción dunha rede de residencias públicas era unha necesidade imperativa para a provincia. E os datos que se manexan hoxe en día seguen dicindo o mesmo. Segundo as cifras oficiais, son necesarias preto de 5.000 prazas para estar nos ratios entendidos como saudables ou mínimos marcados pola Organización Mundial da Saúde. Para iso, o Partido Socialista na Deputación de Lugo púxose mans á obra. E levamos investido preto de 15 millóns de euros co fin de que os nosos veciños teñan prazas públicas preto das súas casas, preto do seu entorno; para que non haxa unha ruptura social, para que non teñan que andar peregrinando por Galicia”.

“Por iso queremos prazas de residencia públicas, xestionadas integramente polo público. Por iso queremos que esas prazas sexan xestionadas pola Deputación. O que lle pedimos á Xunta de Galicia é que contribúa economicamente cun convenio, que é o xeito habitual de como se relacionan as administracións”.

O PP négase a asinar convenios entre Xunta e Deputación para a concertación de prazas, mentindo e confundindo ao asegurar que a Lei de Dependencia non os contempla. Todas as administracións asinan convenios de colaboración no seu día a día. Por exemplo, a Deputación asinou 66 convenios con outros tantos Concellos para financiarlles na súa totalidade con 1,5 millóns de euros o Servizo a Domicilio a máis de 1.800 maiores de toda a provincia.

Consecuencias da concertación de prazas a través de SUPLUSA
O Partido Popular tanto no Goberno da Xunta como na provincia de Lugo dende a oposición quere que SUPLUSA concorra con empresas privadas a un concurso de concertación de prazas. As consecuencias disto son, principalmente, as seguintes:

  • A máis grave é que non se garante que os veciños de Lugo ocupen as prazas das residencias da Deputación, pois a Xunta só ten en conta o lugar de procedencia dos usuarios en casos de emerxencia social. Polo tanto, un veciño de Vigo pode rematar na residencia de Castroverde ou un da Fonsagrada nunha de Ourense. Os centros de maiores da Deputación naceron para ofrecer esta prestación aos veciños nos seus propios Concellos ou o máis preto posible para non abandonar o lugar da súa procedencia, tal e como reclaman e se aconsella.
  • Non se garante a concertación das 250 prazas que a Deputación ofrece nos 5 centros que practicamente están listos. Os usuarios das residencias da Deputación son NON DEPENDENTES. A bolsa de prazas que ofrece a Xunta a estas persoas é practicamente inexistente, facendo que a listaxe de espera sexa moi ampla. Polo tanto, moitos maiores veríanse na obriga de pagar ao redor de 1.100 euros, que non teñen, e que é o que custa unha praza.
  • Xestión privada dos centros públicos da Deputación. SUPLUSA é unha entidade que se regula polo dereito mercantil. Polo tanto, a xestión dos centros sería privada. O Goberno da Deputación quere RESIDENCIAS PÚBLICAS CON XESTIÓN PÚBLICA.