Deputación de Lugo

O Goberno aproba axudas de 240.000 euros para sufragar gastos culturais e deportivos nos Concellos

Imaxe deputación de lugo
- Son 3 liñas de 80.000 euros para actividades deportivas, 80.000 para culturais e 80.000 para equipamento e melloras en instalacións de carácter cultural - Cada Concello recibirá no conxunto das tres liñas un mínimo de 3.000 euros e ata un máximo de 5.000 euros. O Goberno ofrece un anticipo do 90% das axudas - A distribución fíxose con criterios totalmente obxectivos: habitantes, superficie, entidades de poboación, esforzo fiscal, equipamentos culturais, instalacións deportivas e clubs deportivos

O Executivo da Deputación aprobou este venres en Xunta de Goberno novas axudas por valor de 240.000 euros para os 66 Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Así o comunicou o Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, que subliñou que estas axudas están dirixidas a sufragar gastos correntes pola organización de actividades culturais e deportivas, así como para a adquisición de equipamentos e melloras nas instalacións culturais municipais. Son 80.000 euros para cada unha das 3 liñas de actuación, sumando, polo tanto, 240.000 euros.

Santos Ramos subliñou que isto supón que cada Concello reciba, no conxunto das tres liñas de actuación, un mínimo de 3.000 euros e ata un máximo de 5.000 euros. Concretamente, estas axudas son:

- Entre 1.000 euros e 1.600 para sufragar os gastos correntes pola celebración de actividades culturais nos Concellos durante o 2016. Por exemplo programacións de teatro ou cine, entre outras.

- Entre 1.000 euros e 1.600 para sufragar a compra de equipamento cultural, como pode ser un proxector, un telón, sistemas de audio, iluminación...; ou para pequenas obras en bibliotecas, casas de culturas, museos, centro sociais, entres outras instalacións municipais de carácter cultural.

- Entre 1.000 euros e 1.800 para financiar os gastos correntes pola celebración de actividades deportivas nos Concellos, como campionatos, competicións ou mesmo o funcionamento das escolas deportivas.

Tal e como se pode observar nas táboas que se axuntan, a distribución destes fondos fíxose en base a criterios totalmente obxectivos: habitantes, superficie, entidades de poboación, esforzo fiscal, equipamentos culturais, instalacións deportivas e clubs deportivos.

O vicepresidente explicou que agora os municipios deberán sumarse a estas programacións e achegar as súas propostas para aprobar, posteriormente, un convenio con cada un dos 66 Concellos, co que responder as súas necesidades.

Tal e como sucede con todas as programación postas en marcha polo Executivo da Deputación, ofrécese aos Concellos un anticipo do 90% da axuda que lle corresponde, poñendo a súa disposición outros 216.000 euros de xeito directo.

Melloras de 300.000 euros no rural
O Goberno da Deputación aprobou na Xunta de Goberno obras no rural da provincia por valor de 300.000 euros. Son 150.000 euros para melloras en Cervantes, e outros 150.000 euros das contas xustificativas de 29 obras, enmarcadas no Plan de Impulso ao rural e ao sector primario de 2015.

En Cervantes, son traballos de mellora nos viais municipais de Sevane a Quindous; Degrada a Vilar de Mouros; así como do acceso a Cabanas antigas. Santos Ramos destacou que “son estradas moi transitados polos veciños da zona, pois conectan coa localidade de Cervantes”.

No tocante ás contas xustificativas, son obras de mellora en accesos a núcleos poboacionais, viñedos, explotacións agrogandeiras e centro socioculturais por valor de 150.000. O Vicepresidente adiantou que “técnicos provinciais están a avaliar as solicitudes recibidas para o Plan de 2016 que ata o momento son preto de 300 solicitudes para melloras en traídas de auga, accesos rurais e centros socioculturais”.

Local de Recadación
Santos Ramos destacou que o organismo provincial leva tempo traballando no traslado do servizo de Recadación da Deputación. Para elo, explicou que se está a valorara, entre outras alternativas, a posibilidade de adquirir o inmoble da Cámara de Comercio.

“Con todo, a compra directa da Cámara de Comercio é un procedemento moi complexo, que require dun amplo estudo por parte dos nosos servizos xurídicos, que se está a levar a cabo, pois temos que coñecer como, legalmente, a Deputación, como administración pública, pode levar a cabo unha compra directa, é dicir, sen un concurso; así como se tería que asumir as cargas financeiras de ata 2 millóns de euros que a día de hoxe ten a Cámara”, destacou o Vicepresidente.

Por isto, mentres non se resolva todo este procedemento, a Xunta de Goberno acordou prorrogar o contrato de aluguer na rúa Tui.

Máis emprego
A Xunta de Goberno resolveu a contratación de 2 desempregados lucenses, que comezará a traballar como axudante de cociña en Triacastela e peón gandeiro no Páramo, a través do Ben Empregado.