Deputación de Lugo

A Deputación promociona O Courel coa edición dun libro sobre a súa ampla historia

- O organismo provincial xa está a empregar esta publicación, que pon en valor o patrimonio natural da provincia, como agasallo . Os primeiros entregáronse aos bloggers gastronómicos que visitaron Lugo hai unhas semanas
- Vidal Baamonde destacou que “nesta ampla investigación do Courel, faise fincapé na xeografía e historia deste enclave único, así como na idiosincrasia das súas xentes”
- A autora agradeceu a colaboración do organismo provincial “nunha iniciativa que beneficia a todos os galegos e galegas, pois esta é a historia viva da nosa terra”

O Deputado de Promoción do Territorio e Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, presentou este venres O Libro do Courel, unha publicación que fai un retrato completo desta comarca lucense a nivel histórico, patrimonial ou socioeconómico, e que conta coa colaboración da Deputación. Na presentación participou a autora do libro, Sonia María García García, e a editora, Edurne Baines Pilart. Os libros poderanse adquirir en librarías galegas, así como no propia sede da Fundación Uxío Novoneira.

Vidal Baamonde subliñou que o organismo provincial adquiriu varios exemplares desta ampla publicación co fin de entregalo como agasallo ás persoas que son recibidas no Pazo de San Marcos, promocionando deste xeito este espazo natural lucense. Neste senso, subliñou que “os primeiros 40 exemplares, foron entregados xa aos bloggers gastronómicos que recibiu o Presidente da Deputación hai unhas semanas”.

O Deputado destacou que “esta publicación é unha profunda investigación da Comarca do Courel, na que se fai fincapé na xeografía e historia propia, así como na idiosincrasia das súas xentes. Con traballos coma este, creamos memoria e historia da nosa provincia”.

Sonia García García agradeceu a colaboración do organismo provincial “nunha iniciativa que beneficia xa non só a todos os lucenses, senón a todos os galegos pois esta é a historia viva da nosa terra”.

Perfil
Sonia María García García é unha coruñesa nacida en 1972 e licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente, exerce como profesora de Ensino Secundario e Bacharelato na Coruña.

Publicou artigos en revistas especializadas en Educación e en varias gacetas sobre temas relacionados coa xeografía e a cultura de Galicia. Das súas viaxe polo Courel, do contacto coas súas xentes, de todo o aprendido e fotografado, do seu amor especial por estas terras, pola súa paisaxes e a súa cultura, xurdiu O Libro do Courel.