Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación concede axudas de 500.000 euros a 542 clubs e entidades deportivas da provincia

Imaxe deputación de lugo
O Executivo Provincial aprobou na Xunta de Goberno melloras de 276.000 euros en prestacións públicas municipais de zonas rurais de 25 Concellos

O Executivo da Deputación resolveu este venres na Xunta de Goberno as subvencións de concorrencia competitiva de deportes. O voceiro, Álvaro Santos Ramos, informou que os beneficiados son 542 clubs e entidades deportivas de 54 Concellos da provincia, que reciben un total de 500.000 euros. A resolución destas axudas publicarase no BOP nos vindeiros días. Os beneficiados recibirán un anticipo do 80% da subvención.

A distribución dos beneficiados e do orzamento por liñas de actuacións é o seguinte:

- 230 entidades e clubs deportivos reciben un 275.000 euros para sufragar gastos pola súa actividade competitiva. Por exemplo, de arbitraxe, transporte, federativos (pola consecución de licenzas, seguros...) ou canons derivados da participación nunha competición deportiva oficial.

- 127 entidades e clubs deportivos reciben 100.000 euros para sufragar a organización de eventos puntuais.

- e 185 entidades e clubs deportivos reciben 125.000 euros para sufragar actividades deportivas permanentes.

Máis apoio ao tecido asociativo
O Executivo aprobou na Xunta de Goberno unha axuda de 30.000 euros para colaborar coas actividades que realizar a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo “Lucus Augusti”; e outra de 18.000 euros para a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industrias da Milagrosa. Ambas as dúas subvencións, contemplan un anticipo do 80%.

276.000 euros para mellorar prestacións en núcleos rurais de 25 Concellos
Acordouse o pago de 200.000 euros pola execución de 27 actuacións en servizos públicos municipais de zonas rurais de 23 Concellos. Trátanse de 7 obras de mellora de accesos a núcleos poboacionais dos municipios de Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, Ribeira de Piquín, Friol, Mondoñedo, Paradela e Navia de Suarna; 5 en abastecemento de auga de parroquias de Ourol, A Pontenova, Riotorto e O Valadouro, con explotacións agrogandeiras; 8 de acondicionamento e dotación de equipamento de locais sociais de localidades de Monforte de Lemos, Abadín, Sarria, Vilalba, Lugo, Ribadeo e Chantada; e 7 de peche de viñedos no Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón, Quiroga e Pantón. “Son actuacións enmarcadas no Plan de impulso do medio rural e do sector primario, pois todas elas son para potenciar as prestacións públicas en zonas rurais e favorecer a actividade agropecuaria”, explicou Santos.
 
Aprobouse investir 60.000 euros na mellora de 8 vías municipais na parroquia de Morás, en Xove. 4 son no núcleo Aldea de Abaixo e outros 4 no do Portiño. “Este investimento procede de remanentes das actuacións de 235.300 euros da Deputación, coas que ese ano arranxamos máis accesos a núcleos rurais deste Concello”, apuntou o voceiro.

Tamén se acordou o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo para poder iniciar as obras de mellora do acceso a Pinte, no Páramo, financiadas con 16.000 euros da Deputación.

Merca en Lugo polo Nadal
A Xunta de Goberno aprobou a convocatoria e as bases de selección de artesáns para participar no Mercado de Nadal, que se organiza dende Deputación durante estas datas diante do Pazo de San Marcos. As bases publicaranse nos vindeiros día no BOP, abrindo un prazo de 7 naturais para que os artesáns presenten as súas candidaturas.

Poderán participar un mínimo de 12 artesáns e un máximo de 24, pois haberá 12 casetas, que poden ser compartidas. Este Mercado está aberto a todos os profesionais que conten coa carta oficial de artesáns. Para a súa selección, valorarase a calidade do proxecto; as demostracións que ofrezan aos cidadáns, a antigüidade da carta de artesán; a innovación técnica; o emprego de materiais autóctonos e ecolóxicos; a identificación coa zona de procedencia en relación ás pezas elaborados; o deseño do posto; a incorporación á marca Artesanía de Galicia, entre outras cuestións.

Merca en Lugo polo Nadal, que así se chama esta iniciativa, arrancará na semana do 15 de decembro, e incluirá a celebración de múltiples actividades para todos os públicos.