Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación colabora coa campaña de recollida de alimentos de Familias para a Paz

- As persoas interesadas en colaborar na campaña poden facer as súas achegas hoxe e mañá, en horario de 9:00 a 14:00 horas, na Aula de Formación da Deputación, situada no calexón de San Marcos, nº8 - O chamamento de Familias para a Paz recibiu unha grande acollida dos lucenses nas primeiras horas da campaña, polo que xa se recolleu roupa de abrigo suficiente. A organización segue a solicitar alimentos non perecedeiros

O Goberno da Deputación colabora coa organización Familias para a Paz na recollida de roupa e alimentos non perecedeiros para enviar aos campos de refuxiados de Grecia e Siria, mediante a cesión do espazo para a captación e o almacenamento do material. Así, as persoas interesadas en colaborar na campaña poden depositar a súa achega na Aula de Formación da Deputación, situada no calexón de San Marcos, nº8, en horario de 9:00 a 14:00 horas, durante o luns e o martes.

Aínda que na convocatoria orixinal se solicitaba roupa de abrigo, a resposta dos lucenses foi tan boa que as necesidades deste tipo de material xa están cubertas. Familias para a Paz, non obstante, mantén aberta a convocatoria de captación de alimentos non perecedeiros. En concreto, solicítanse conservas de sardiñas e de atún –as de carne e doutro tipo de peixes non se adaptaban aos gustos da poboación local receptora-, azucre, aceite, café, té, cuscús, marmelo, leite en pó e, principalmente, leite en pó infantil. O material recollido en Lugo será enviado a Tesalónica, en concreto ás illas de Quios e de Samos (Grecia) e aos campos de Alepo (Siria).

Familias para a Paz (Families 4 Peace) é unha pequena organización sen ánimo de lucro que agrupa profesores. Contan coa colaboración da Fundación Seur, que se encargará de trasladar o material ao porto de Valencia, dende onde será enviado aos campos de refuxiados; e no terreo, teñen de contraparte á ONG Team Humanity, que será a que distribúa os alimentos e a roupa entre os refuxiados.