Recuperada na Fonsagrada a antesala da sauna castrexa do Castelón, punteira en Galicia, grazas á Deputación

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e ao Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, xunto á Deputada de Cultura, Pilar García Porto, supervisaron este xoves os traballos de prospección arqueolóxica que se veñen de rematar no Castro do Castelón de Castañoso, na Fonsagrada. O Goberno Provincial decidiu financiar estas actuacións con 42.000 euros para poder continuar cunhas investigacións que abandonou a Xunta de Galicia, suprimindo a súa achega económica, aínda a ser a administración galega coas competencias directa neste eido.
Xoia da construción castrexa
10 arqueólogos retomaron, co apoio dos Gobernos da Deputación e da Fonsagrada, estes traballos de investigación na contorna da construción. Durante preto de dous meses, ampliaron a escavación do Castro do Castelón de Castañoso co obxectivo de caracterizar e coñecer de que época é o xacemento, así como de investigar a sauna que o distingue, considerada unha xoia da construción castrexa, que é única na provincia de Lugo, ademais dunha das mellores conservadas de toda Galicia. Segundo os expertos, a maiores desta sauna castrexa na Fonsagrada, na outra en Ortigueira, unha en Cabana de Bergantiños e, algúns investigadores, tamén inclúen nesta listaxe a de Augas Santas, en Allariz. Todos coinciden que a sauna do Castro do Castelón de Castañoso sobresae por conservar a metade da súa bóveda a diferenza das restantes.
Descubrimentos
Campos Conde explicou que estes traballos serviron para saber que o Castro é do Século I despois de Cristo, en plena época romana, ten, polo tanto, máis de 20 século; que era unha mina aurífera do río Éo, pertencente a unha poboación indíxena. Descubriuse e recuperouse unha antesala da sauna do Castro, duns 9 metros de largo, que é unha das máis grandes documentadas en Galicia. Dispoñía de canalización hidráulica. Atópase nun envexable estado de conservación o que, sen dúbida, é moi importante para o Concello da Fonsagrada e, en xeral, para a nosa provincia, pois contamos cunha xoia castrexa punteira en Galicia, que nos permite por en valor a riqueza patrimonial, histórica e cultural coa que contamos en Lugo. A recuperación do Castro do Castelón é unha nova oportunidade económica para a nosa provincia.
Fernández Queipo agradeceu a imprescindible colaboración do Goberno da Deputación, e destacou que con estas novas escavacións queremos dar a coñecer este elemento patrimonial excepcional en toda Galicia, que se atopa nun marco natural incomparable e que esperamos que repercuta positivamente e impulse a economía e o turismo do noso Concello, e deste xeito, de toda a Comarca da Fonsagrada.
Máis achazgos
A construción do Castro do Castelón conta cunhas oito vivendas castrexas, é de orixe mineira, moi resgardada, e está moi afastada dos núcleos de poboación, circunstancia que facilitou que se conservase en tan bo estado. Descubríronse case 4 metros de estruturas castrexas, o que permite entender mellor o sistema construtivo onde vivían, así como unha antesala da sauna do castro, duns 9 metros de largo, que dispoñía de canalización hidráulica e que posiblemente era un espazo comunitario destinado a fines termais con auga e vapor. Ademais, os arqueólogos atoparon e recuperaron elementos romanos, como pezas de cerámica ou moedas co reselo da aguia, pertencentes á lexión romana.