Deputación de Lugo

25 coches clásicos percorrerán o patrimonio turístico da provincia co apoio da Deputación e Concello do Incio

- Trátase da sexta edición do Rally Terras do Incio que reúne a 25 participantes de varios países que visitarán entre o 4 e o 9 de xullo a provincia coñecendo o patrimonio turístico e gastronómico de Lugo.
-Vidal Baamonde destacou que “trátase dun evento pintoresco que reúne vehículos moi diversos e que atrae olladas curiosas e que encarna un Turismo dinámico e distinto para a nosa provincia”.

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, e o organizador, Andrés Castro, participaron este mércores, na praza de San Marcos na presentación do VI Rally Turístico Terras do Incio que reunirá a 25 coches clásicos de España, Portugal e Bélxica que dende o 4 ao 9 de xullo percorrerán a provincia para coñecer os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos.

Vidal Baamonde destacou que “a celebración deste rally é unha oportunidade para que os máis de 25 participantes coñezan Lugo dunha forma distinta. Percorrendo a nosa xeografía e coñecendo o noso importante patrimonio turístico nun evento que, pouco a pouco, vai converténdose en referencia dentro da nosa provincia. Por isto, dende a o Executivo Provincial, na nosa defensa do turismo como dinamizador económico, apoiamos este rally con 3.000 euros ao entender que ofrece unha imaxe turística da nosa terra diferente.”

Celeiro García apuntou que “un ano máis, o Incio conta durante o verán cunha actividade distinta e peculiar que, ademais de mostrar o Concello a máis dunha vintena de foráneos, impulsa e dinamiza a economía de toda a provincia, reunindo coches clásicos icónicos de marcas como Ferrari, Mercedes, Jaguar ou Alfa Romeo. Nun evento que ademais cala entre os seus participantes provocando que moitos deles volten visitar a nosa provincia”.

O Rally

Este ano o Rally Terras do Incio amplíase un día, celebrándose entre o 4 e o 9 de Xullo. O percorrido comezará en Astorga e pasará por O Barco de Valdeorras, Lugo, O Incio, Ribadeo, Taramundi, Oviedo e finalizará en Las Caldas.

Ademais do propio percorrido inclúense actividades complementarias de tipo cultural como poden ser visitas a lugares emblemáticos como o casco histórico de Lugo, o embalse de Villasouto, o Castro de Viladonga, o Aeródromo de Rozas, a Paia das Catedrais ou a Festa Indiana de Ribadeo, ademais de diversos miradores e lugares de grande beleza natural que se atoparán pola ruta. Haberá tamén comidas e actuacións musicais nas que os condutores de coches de marcas tales como Ferrari, Maserati, Alfa Romeo, Aston Martin, Jaguar, Porsche e Mercedes poderán participar e desfrutar.