Axenda Institucional
Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Formación

A Deputación reafirma o seu compromiso con COGAMI e FADAS cunha achega económica de 40.000 €

José Tomé Roca
Pablo Rivera Capón
COGAMI
Fadas
Apaga
sinatura do convenio con COGAMI
Tomé Roca reuniuse con representantes de ambas colectivos sociais co fin de coñecer
as súas necesidades e asinar o convenio regulador de dúas subvencións nominativas
destinadas a ambos colectivos

O Presidente sinalou que a institución provincial colabora coas dúas organizacións
porque “cremos que a mellor forma de ter un sistema de protección social forte é
traballando da man do tecido asociativo”

O Presidente tamén recibiu, na rolda de contactos deste xoves, ao representante da
Asociación de Profesores Técnicos e de Ensinanza Secundaria de Automoción de
Galicia co fin de asinar o convenio regulador dunha axuda por 3.000 euros

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, mantivo un encontro este xoves no Pazo de San Marcos con representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e da Federación de Asociacións do Ámbito Social de Lugo (FADAS), Ramón Sestayo e Gerardo Castedo, respectivamente, reunións durante as que asinaron os convenios reguladores de dúas subvencións nominativas da institución provincial para estes colectivos cun importe total de 40.000€. 

Tomé Roca puxo en valor o labor que desempeñan estas organizacións, que “traballan a prol da igualdade e loitan por conseguir a plena inclusión social das persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social. COGAMI e FADAS son bos exemplos de integración e colaboramos con estes colectivos porque cremos que a mellor forma de ter un sistema de protección social forte na provincia é traballando da man do tecido asociativo”.

O Presidente renovou a achega económica que mantén a institución provincial con ambos colectivos sociais, asinando unha subvención nominativa de 30.000€ para colaborar cos gastos de funcionamento do Centro Diúrno de Atención Terapéutica de COGAMI e outra por 10.000€ para colaborar co servizo de coordinación das entidades de FADAS.  

Este encontro súmase á rolda de contactos que está a manter o Presidente con diferentes representantes de colectivos sociais e municipais, logo da súa chegada á institución. Nesta liña, coñeceu, de primeira man, as necesidades e demandas de ambas asociacións, renovando así o compromiso que mantén o organismo provincial con COGAMI e FADAS.

APAGA
Na xornada deste xoves, José Tomé tamén recibiu ao presidente da Asociación de Profesores Técnicos e de Ensinanza Secundaria de Automoción de Galicia (APAGA), Álvaro Doural Leiras. Neste encontro, asinaron o convenio regular da subvención nominativa que achega a Deputación a esta entidade por un valor de 3.000 euros. A través desta achega económica o organismo provincial colabora co Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, co obxectivo de apoiar e impulsar o sector do automóbil.