Axenda Institucional
Deputación de Lugo

Os Orzamentos 2020 aplican “a mellor política demográfica: dotar de servizos á cidadanía e favorecer o emprego sostible”

Orzamentos
presidente; deputados; corporación; pleno
Os Orzamentos 2020 da Deputación de Lugo aplican “a mellor política demográfica: dotar de servizos á cidadanía e favorecer o emprego sostible”
O Pleno aprobou os presupostos da Deputación, que, con preto de 92M€, son “realistas e útiles porque xorden da visión clara que temos no Goberno das necesidades e das oportunidades da provincia” e porque poderán aplicarse dende o mes de xaneiro, subliñou a Deputada de Economía e Facenda, Mayra García

As políticas sociais concentran o 30% dos orzamentos, que tamén priorizan a cooperación cos concellos, con algo máis de 20M€ para o Plan Único; a mellora da rede viaria, con 14M€; e os sectores primario, con 2M€, e turístico, con 2,4M€

O Pleno da Corporación provincial aprobou este xoves, cos votos a favor de PSdeG e BNG e a abstención do PP, os Orzamentos da Deputación para o ano 2020, uns presupostos de preto de 92M€que, segundo destacou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, “plasman o proxecto de provincia do Goberno” e aplican “a mellor política demográfica”, que consiste en “dotar de servizos aos veciños e veciñas e favorecer a creación e mantemento de emprego sostible e de calidade”. “Só así se apoia ao rural”, subliñou a Deputada, quen asegurou que o orzamento “é realista é útil porque xorde da visión clara que temos no Goberno provincial das necesidades e das oportunidades que ten a provincia” e porque poderá aplicarse dende o mes de xaneiro.

Mayra García destacou neste senso que aprobar os presupostos en prazo “é unha obriga cara a veciñanza, sobre todo dos pequenos concellos, nos que boa parte da actividade depende da achega e da colaboración da Deputación. O funcionamento normal da Deputación é tamén a garantía do funcionamento normal dos concellos, e de que os veciños e veciñas seguen percibindo os servizos públicos de calidade ós que teñen dereito”.

A Deputada explicou que para dar resposta ás necesidades e aproveitar as oportunidades da provincia, os Orzamentos do vindeiro ano, que suben preto dun 4% con respecto aos deste 2019, priorizan as políticas sociais, a cooperación cos concellos, a mellora da rede viaria e o impulso dos sectores productivos, nomeadamente o primario e o turístico.

Orzamentos sociais
Deste xeito, afirmou, os Orzamentos do 2020 son “profundamente sociais”.Reservan máis de 30M€, o que supón o 33% do total, para políticas sociais, dende benestar, igualdade e emprego a cultura, deporte e educación. Con este investimento “suplimos nunha parte moi importante á Administración que ten as competencias nestas materias, a Xunta de Galicia”, indicou Mayra García.

Dentro do investimento social, o presuposto da Deputación dedica 9M€ para o funcionamento das residencias de Pol, Trabada e Ribadeo, e para a apertura das da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e, se fose posible, Meira e Ribas de Sil.

As políticas de emprego contarán con 5M€ para plans de axudas directas á contratación, para formación e para apoio ao emprendemento, ben de xeito directo ou a través da cooperación cos concellos.

A defensa do Goberno provincial dunha educación pública, gratuíta e universal como base da igualdade de oportunidades plásmase tamén nos Orzamentos cunha dotación económica de 2,6M€.Máis da metade deste investimento -1,5M€- está destinado ó Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, o único con esta titulación que existe na provincia, e que ademais é público e con matrícula gratuíta, excepto para os repetidores.

A Cooperación, acción transversal
Os Orzamentos do 2020 teñen a cooperación cos Concellos como acción transversal.O Plan Único, un dos instrumentos en torno aos que se artella esta permanente colaboración cos 67 municipios da provincia, contará cunha dotación de algo máis de 20M€, entre os recursos previstos nos propios orzamentos (de 11,2M€) e a previsión de incorporación de remanentes.

O Plan Único establecerá “un reparto transparente, equitativo e xusto dos fondos públicos da Deputación con criterios obxectivos, aprobados no Pleno, entre todos os Concellos lucenses”, afirmou a Deputada de Economía, e estará destinado á dotación e mellora de servizos e infraestruturas públicos; o Servizo de Axuda no Fogar; creación de emprego; actividades turísticas, culturais e deportivas; administración electrónica e para soster outros servizos como Protección Civil.
Mayra García insistiu en que a Deputación “non se cansará de esixir á Xunta de Galicia que implante tamén un sistema de distribución equitativa, xusta e transparente dos fondos públicos coma este, e que deixe de discriminar aos concellos que non son da súa cor política”.

A mobilidade, un dereito
Os Orzamentos de 2020 priorizan a mellora da rede viaria porque, explicou Mayra García, “entendemos a mobilidade como un dereito da cidadanía e como un factor determinante para a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial”. Por iso, “facemos un importante esforzo inversor”, detallou, de ata 14M€, para operacións de mantemento e conservación dos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial –a máis extensa de España-, para obra nova e para o Parque Móbil, “outro instrumento de cooperación cos concellos moi importante”.

Impulso ós sectores produtivos
Os Orzamentos impulsan sobre todo os sectores produtivos cun maior peso e potencial da provincia, como o son o sector primario e o turístico.En canto á actividade agrogandeira e forestal, reservan 2M€ para, entre outras actuacións, impulsar o centro de recría da Granxa Gayoso Castro; poñer en marcha e manter o funcionamento da Granxa Experimental de Leite; impulsar a creación nas instalacións de Gayoso Castro dunha explotación para potenciar a raza porco celta; implantar na Finca de Tor novas actividades vinculadas á produción ecolóxica; e activar novas liñas de axuda aos produtores para que poidan aumentar a base territorial das súas explotacións e mellorar así a súa competitividade.

En canto ao sector turístico, os presupostos contemplan 2,4M€ para incorporar as tecnoloxías ao sector e atraer así a máis visitantes; manter as rutas fluviais en catamarán e a promoción da provincia en encontros de proxección nacional e internacional; dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, un apoio que liderou a Deputación de Lugo dende o ano 2011 e ó que despois se uniron outras institucións como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia; aproveitar o potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño de Santiago sobre todo de cara ao Xacobeo 2021, e integrar á provincia na Rede Europea de Itinerarios Culturais para fomentar o turismo.

Estas grandes liñas de actuación desenvolveranse nun marco orzamentario, subliñou a Deputada de Economía, que mantén a consolidación e a solvencia da Deputación en termos económicos e financeiros.

Os prazos
Unha vez aprobados de maneira inicial no Pleno, os Orzamentos serán publicados no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para a súa exposición pública durante 15 días. Se neste prazo non se presentan reclamacións, as contas quedarán definitivamente aprobadas nos primeiros días do 2020 e entrarán en vigor tras unha nova publicación no BOP. De presentarse reclamacións, sería preciso convocar un Pleno en xaneiro para resolvelas e aprobar o orzamento de forma definitiva.