Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación destaca o papel fundamental da muller no desenvolvemento económico da provincia e para frear a caída demográfica

María Loureiro García
Entrega de premios Muller Rural.IMG01

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, participou este mércores na entrega dos premios do IV Concurso de Traballos Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, participou este mércores no acto de entrega do IV Concurso de Traballos Fin de Grao de Enxeñaría e Muller Rural que organiza a Escola Politécnica Superior do Campus Terra para conmemorar o Día Internacional da Muller 2020.

Loureiro deulle os parabéns ás persoas galardoadas e eloxiou esta iniciativa, "que contribúe de xeito tan significativo dende o eido universitario ao empoderamento da muller no rural e, con elo, á igualdade e tamén á loita contra o despoboamento".

Neste sentido, a Deputada explicou que dende a Deputación “cremos que as mulleres debemos xogar un papel fundamental no desenvolvemento económico do territorio e tamén para frear a grave caída demográfica que está a sufrir o rural da nosa provincia. Para conseguilo, é imprescindible o acceso, en igualdade de condicións, á formación e ao mercado laboral”.

Ademais, a Deputada referiuse á pequena representación feminina que hai hoxe en día nas titulacións técnicas que se estudan na universidade galega. “En Galicia, só menos do 25% do total do alumnado matriculado en titulacións técnicas son mulleres e a tendencia é preocupantes porque hai só uns anos, a súa presenza era de preto do 37%”, destacou. María Loureiro, incidiu en que “por iso, son tan importantes iniciativas coma este concurso de traballos de fin de grao da Escola Politécnica, para rachar estereotipos e visibilizar á muller nuns estudos universitarios e un campo profesional, a enxeñaría, no que aínda se dá un forte desequilibro entre mulleres e homes”. 

Pola súa banda, a Deputada puxo en valor os programas que a institución provincial ten en marcha nesta materia, como “os Faladoiros Feministas, un espazo de reflexión para conectar o feminismo coa cidadanía; Referentes Galegas nas Aulas, que busca dar visibilidade na Educación Secundaria a modelos femininos en diferentes campos profesionais, e o proxecto Xira Mulleres, que vimos de presentar, co fin de dar ferramentas ás mulleres do rural para ter novas oportunidades laborais. Programas cun obxectivo común: seguir dando pasos adiante cara a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres dende a divulgación, a formación e a educación”. 
 

Entrega de premios Muller rural.IMG02