A Deputación adapta o Plan Único para que os concellos poidan cubrir con estes fondos medidas sociais ante a crise do Covid-19
- O Plan Único 2020, que se incrementa ata os 21,3M€, será aprobado nun Pleno extraordinario o 2 de abril co fin de que os concellos poidan dispoñer canto antes destes fondos, que contribuirán, non só a cubrir servizos sociais, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego
O Goberno da Deputación anunciou este martes a decisión de adaptar o Plan Único 2020 co fin de que os 67 concellos da provincia poidan cubrir con estes fondos medidas e necesidades sociais provocadas pola crise do Covid-19. Deste xeito, as bases do Plan Único adáptanse para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos para poder dedicar ese importe a cubrir e resolver as necesidades que xurdan a raíz do impacto do coronavirus.
En concreto, a redacción das bases tras o cambio é a seguinte: “De xeito excepcional, e con motivo da situación de alarma sanitaria decretada polo RD 463/2020, de 14 de marzo, e posterior modificación, exceptúase da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos a aqueles concellos que lles sexa necesario facer fronte a gastos correntes derivados da situación de alarma e emerxencia sanitaria por mor do coronavirus Covid-19. Non obstante, das cantidades destinadas a investimentos, mantense a obriga do concello de dedicar o 60% da achega provincial ao arranxo e mellora de vías municipais”.
O Presidente, José Tomé, que mantivo unha reunión esta mañá coa Vicepresidenta, Maite Ferreiro, para abordar esta cuestión, explicou que “esta medida contribúe a que os concellos poidan responder con máis rapidez e eficacia ao novo escenario de prioridades e necesidades que deben afrontar debido á situación de emerxencia de saúde pública que estamos a vivir. “A Deputación é o Concello dos Concellos. A nosa principal función é a cooperación con eles, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os efectos desta crise sanitaria. É aquí onde temos unha función clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”.
Esta medida dá aos concellos “a seguridade e a tranquilidade de que van ver as súas arcas municipais reforzadas para afrontar as necesidades que xurdan pola crise do coronavirus”, recalcou o Presidente.
A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou que "esta crise sanitaria está a supoñer un gran desafío para os concellos. Somos conscientes do esforzo que están a facer sobre todo no que ten que ver coa xestión do Servizo de Axuda no Fogar. Moitos organizaron tamén outros servizos de proximidade para levar alimentos e medicinas a persoas maiores que viven soas ou non dispoñen de vehículo propio. Queremos que o Plan Único sexa unha ferramenta flexible, que se adapte as necesidades que os concellos teñen nesta situación excepcional".
Maite Ferreiro tamén amosou o seu apoio ás demandas de material de protección que están a realizar os concellos. "É imprescindible que as traballadoras destes servizos conten con equipos de protección para facer o seu traballo. Trátase de protexer a súa saúde e tamén a das persoas as que atenden".
A Pleno o 2 de abril
O Goberno da Deputación decidiu así mesmo fixar para o 2 de abril, ás 11.00 horas, a celebración dun Pleno extraordinario para aprobar o Plan Único 2020, que se incrementa este ano ata os 21,3M€, co obxectivo de que os concellos poidan dispoñer canto antes destes fondos, “que, se sempre son necesarios, quizais moito máis este ano pola grave situación que estamos a vivir, pois contribuirán, non só a cubrir servizos sociais e velar pola calidade de vida e o benestar da cidadanía, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o estado de alarma”. O Plan Único “repercutirá na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, o que sen dúbida axudará a recuperar o pulso das economías locais”.
Atendendo a esta situación, o Goberno provincial acordou ampliar os prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo ao Plan Único 2020. Así, amplíase un mes o prazo para a contratación, pasando a data límite do 30 de setembro ao 30 de outubro.
O Pleno será retransmitido como é habitual por streaming para que toda a cidadanía que así o desexe e os medios de comunicación poidan velo. Celebrarase sen a presencia de público e gardando ás distancias de seguridade, así como todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias e gubernamentais.
Outras medidas
A adaptación das bases do Plan Único para que os concellos da provincia poidan dispoñer de maiores recursos económicos fronte ao Covid-19 súmase a outras decisións de carácter social e económico adoptadas pola Deputación para paliaro impacto desta crise, como a de priorizar o pago a provedores da institución para inxectar liquidez nas empresas e contribuír deste xeito a que poidan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade, ou a de reforzar o servizo de teleasistencia domiciliaria para facilitar información e recomendacións aos máis de 1.300 usuarios e usuarias.
A distribución dos fondos do Plan Único 2020 por concellos
A Deputación distribúe os 21,3M€ do Plan Único 2020 entre os 67 municipios da provincia en base a criterios obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais de 2019.
CONCELLOS |
ACHEGA PLAN ÚNICO 2020 |
ABADIN |
335.452,02 € |
ALFOZ |
271.839,06 € |
ANTAS DE ULLA |
273.253,05 € |
BALEIRA |
275.204,38 € |
BARALLA |
291.159,27 € |
BARREIROS |
273.826,94 € |
BECERREA |
301.049,68 € |
BEGONTE |
296.519,57 € |
BOVEDA |
244.541,56 € |
BURELA |
371.358,11 € |
CARBALLEDO |
313.346,75 € |
CASTRO DE REI |
389.115,87 € |
CASTROVERDE |
300.901,96 € |
CERVANTES |
317.983,83 € |
CERVO |
292.572,38 € |
CORGO (O) |
336.440,43 € |
COSPEITO |
360.134,92 € |
CHANTADA |
463.855,35 € |
FOLGOSO DO COUREL |
267.217,14 € |
FONSAGRADA (A) |
436.394,76 € |
FOZ |
420.355,18 € |
FRIOL |
407.438,43 € |
GUITIRIZ |
439.625,65 € |
GUNTIN |
313.652,58 € |
INCIO (O) |
288.203,48 € |
LANCARA |
295.006,95 € |
LOURENZA |
251.163,40 € |
LUGO |
500.000,00 € |
MEIRA |
221.916,78 € |
MONDOÑEDO |
306.623,32 € |
MONFORTE DE LEMOS |
500.000,00 € |
MONTERROSO |
302.947,57 € |
MURAS |
286.381,48 € |
NAVIA DE SUARNA |
309.783,73 € |
NEGUEIRA DE MUÑIZ |
192.395,10 € |
NOGAIS (AS) |
240.611,11 € |
OUROL |
303.762,13 € |
OUTEIRO DE REI |
353.004,86 € |
PALAS DE REI |
373.843,01 € |
PANTON |
329.043,94 € |
PARADELA |
284.985,36 € |
PARAMO (O) |
244.384,06 € |
PASTORIZA (A) |
323.175,96 € |
PEDRAFITA DO CEBREIRO |
254.867,75 € |
POBRA DO BROLLON (A) |
284.043,90 € |
POL |
267.691,15 € |
PONTENOVA (A) |
272.263,66 € |
PORTOMARIN |
263.550,93 € |
QUIROGA |
347.458,38 € |
RABADE |
194.670,07 € |
RIBADEO |
440.481,17 € |
RIBAS DE SIL |
228.254,99 € |
RIBEIRA DE PIQUIN |
230.974,79 € |
RIOTORTO |
237.414,12 € |
SAMOS |
278.735,45 € |
SARRIA |
500.000,00 € |
SAVIÑAO (O) |
379.340,83 € |
SOBER |
321.753,18 € |
TABOADA |
325.838,30 € |
TRABADA |
248.758,94 € |
TRIACASTELA |
201.359,85 € |
VALADOURO (O) |
286.020,65 € |
VICEDO (O) |
254.212,15 € |
VILALBA |
500.000,00 € |
VIVEIRO |
500.000,00 € |
XERMADE |
306.454,43 € |
XOVE |
275.384,20 € |
TOTAL |
21.300.000,00 € |