Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación ofrece asistencia técnica aos concellos para que poidan celebrar Plenos de maneira telemática

Cooperación cos Concellos
novas tecnoloxías
coronavirus
O Presidente subliña que con este novo servizo gratuíto de cooperación cos concellos, a institución provincial facilita a xestión municipal con total garantía e seguridade na actual situación de crise sanitaria

O servizo de Novas Tecnoloxías avaliará a particularidade de cada consistorio que solicite apoio e recomendaralle a solución tecnolóxica máis acorde coas súas características e medios dispoñibles

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anuncia que a institución provincial ofrece aos 67 concellos da provincia asistencia técnica, asesoramento e colaboración para que poidan celebrar plenos, xuntas de goberno e órganos colexiados en xeral de maneira telemática. José Tomé enviará unha comunicación aos alcaldes e alcaldesas da provincia para explicarlles que pon á súa disposición este novo servizo gratuíto de cooperación cos concellos baixo demanda a través do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación.

“O obxectivo desta iniciativa é facilitar a xestión municipal con total garantía e seguridade nesta situación de crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19. Os concellos terán a posibilidade de recibir dunha maneira totalmente gratuíta asesoramento e asistencia para desenvolver a súa actividade de forma telemática”, subliña o Presidente. 

Logo do bo desenvolvemento do primeiro pleno vía telemática que se celebrou na historia da Deputación de Lugo o pasado xoves, a institución provincial ofrece o mesmo protocolo de desenvolvemento operado polo servizo de Novas Tecnoloxías. Funciona a través dunha aplicación de videoconferencias na rede que permite conexións entre todo tipo de dispositivos (ordenadores de sobremesa e portátiles, teléfonos móbiles ou táblets). Trátase dunha ferramenta doada de usar e intuitiva. 

O servizo de Novas Tecnoloxías estudará a particularidade de cada consistorio solicitante e recomendaralle a solución tecnolóxica máis acorde coas súas características e medios dispoñibles. Ofértanse varias opcións de colaboración, dende só asesoramento ata facer un seguimento de toda a sesión e a retransmisión por streaming a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. 

Esta medida desenvólvese de acordo á modificación da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local acordada polo Consello de Ministros e publicada este 1 de abril, que recolle a posibilidade de que os órganos representativos locais e de goberno, así como outros órganos colexiados locais se poden reunir de maneira telemática e adoptar acordos durante o estado de alarma. 

Con esta nova medida, a Deputación continúa adoptando as decisións ao seu alcance para cooperar cos concellos na loita para paliar os efectos da crise sanitaria, axudándolles a que podan seguir traballando, coa maior normalidade posible, en todos aqueles trámites que teñen como obxectivo a mellor atención á veciñanza.

O soporte técnico ofrecido pola Deputación permite ós concellos que poidan continuar celebrando, de maneira segura e eficaz, todas aquelas sesións de órganos colexiados que resultan importantes ou mesmo imprescindibles para sacar adiante trámites, procedementos ou medidas que inciden no benestar da cidadanía e no impulso da actividade económica do municipio.

A Deputación responde con esta iniciativa á súa función esencial como Concello dos Concellos. “A nosa principal función é a cooperación con eles, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliña o Presidente.

Esta asistencia para celebrar órganos colexiados vía telemática súmase á que xa vén ofrecendo a Deputación de maneira habitual en materia  xurídica, de recursos humanos ou económica-financieira, entre outras moitas liñas de colaboración.

Froito do firme compromiso da Deputación coa cooperación cos concellos tamén é o Plan Único 2020, aprobado polo Pleno este xoves, que inxectará de maneira directa nos 67 concellos da provincia 21,3M€ e que o Goberno provincial decidiu adaptar para que os municipios poidan cubrir con estes fondos medidas sociais ante o coronavirus, polo que poderán dispoñer de ata 10,6M€ para este tipo de gastos.

Medidas ante o Covid-19
A Deputación vén adoptado medidas de maneira continua para conseguir que o impacto da crise sanitaria e económica do coronavirus Covid-19 sexa, cando menos, o menor posible na provincia. Dende antes de que se decretara o Estado de Alarma, os catro centros de atención a maiores da Deputación teñen implantado un protocolo específico de medidas entre as que se inclúen a prohibición de visitas de amigos e familiares, e o reforzo do servizo de limpeza para reducir o risco de transmisión do coronavirus. Ademais, cada semana, sométense a dúas xornadas de traballos de desinfección preventivos, que se desenvolven de xeito exhaustivo tanto no interior coma no exterior dos edificios. 

Co fin de poñer o foco na protección das persoas maiores e que viven soas, un dos colectivos máis vulnerables ante o coronavirus, apostouse tamén por reforzar o servizo de teleasistencia domiciliaria para facilitar información e recomendacións aos máis de 1.300 usuarios e usuarias. 

Ademais, a Deputación de Lugo reorganizou o seu cadro de persoal para reducir ao mínimo imprescindible a presenza de traballadores e traballadoras nas dependencias e servizos provinciais con teletraballo, a atención telefónica e quendas, mantendo as funcións da Administración para seguir dando servizo á cidadanía e aos concellos. Na páxina web oficial da institución provincial figuran os teléfonos habilitados de cada un dos servizos para facilitarlle información ou resolverlle dúbidas ou incidencias aos cidadáns durante este período.

En materia económica, o organismo provincial adoptou máis decisións para paliar o impacto desta crise, como a suspensión de todos os prazos de tramitación dos procedementos da institución, darlle prioridade ao pagamento a provedores da administración provincial para inxectar liquidez nas empresas e contribuír a que podan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade e, entre outras, o mantemento de todos os contratos e o volume de facturación coas empresas adxudicatarias da prestación de servizos públicos da institución provincial.

Pola súa banda, co propósito de fomentar o entretemento da veciñanza durante o confinamento, nas redes sociais da Deputación, do Servizos de Audiovisuais e de Turismo da Deputación de Lugo, desenvólvense iniciativas con carácter divulgativo que ensinan lugares da provincia achegando datos curiosos e apelando á participación mediante adiviñas ou preguntas abertas. Á súa vez, púxose en funcionamento a app Lugo Cambia 360º, que permite descubrir 25 localizacións da provincia dun xeito inmersivo sen saír do fogar.