Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación pon a disposición da Xunta as 5 residencias que ten en proceso de apertura para afrontar a crise do Covid-19

Residencias
coronavirus
Navia de Suarna
PEDRAFITA DO CEBREIRO
Meira
Castroverde
Ribas de Sil
Imaxe deputación de lugo
O Presidente ofrece á administración galega para o que precise tanto as dependencias como os equipamentos dos que dispoñen os centros de Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil

José Tomé tomou esta decisión en consenso cos alcaldes dos concellos nos que están situadas as residencias, cos que mantivo unha conversa para abordar e acordar a medida

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anuncia que a institución provincial pon a disposición da Xunta de Galicia os cinco centros residenciais que construíu e que ten en proceso de apertura para a súa utilización se é necesario para afrontar a crise do coronavirus Covid-19, co destino que a Administración galega considere, ben de asistencia sanitaria, aloxamento ou calquera outro que sexa preciso. 

Estas infraestruturas atópanse nos concellos de Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil. José Tomé explicou que tomou esta decisión en consenso cos alcaldes destes municipios, cos que mantivo unha conversa para abordar e acordar esta medida de forma conxunta. Ademais, engade que “poñemos a disposición as infraestruturas e os servizos e equipos que teñen dispoñibles no interior estas residencias. Algunha delas está máis avanzada que outras en canto a dotación de equipamento, pero todas poden ser útiles para facer fronte a esta situación de emerxencia, e máis cando, segundo o propio Presidente da Xunta, se achega o peor da crise sanitaria en Galicia”.

Nestas cinco residencias da Deputación poderíanse habilitar máis de 100 camas de xeito directo, ao que habería que sumar a posibilidade de acondicionar espazos comúns que terían capacidade para máis de 100 camas máis, polo que se porían a disposición máis de 200 camas individuais. 

Para explicitar esta oferta, este luns o Presidente da Deputación enviaralle unha carta ao Presidente da Xunta formalizando a vontade de colaboración da institución provincial lucense en todo aquilo que sexa preciso co Goberno galego.  
    
O Presidente da Deputación asegura que o ofrecemento das residencias á Xunta para facer fronte á crise do coronavirus "responde á máxima lealdade institucional e vontade de colaboración coas que actuamos dende a Deputación durante estes momentos tan críticos, nos que debemos antepoñer o interese xeral a calquera outro e traballar unidos para gañarlle a batalla ao coronavirus canto antes”. "É o momento de que as administracións públicas traballemos con unidade, lealdade e coordinación".  

De feito, como lembrou José Tomé, a Deputación púxose xa noutras dúas ocasións a disposición da Xunta para colaborar na loita contra esta crise sanitaria. "Despois, cando pase todo isto, será o momento de analizar o que pasou e a responsabilidade de cada quen”. “Ademais de eficacia, a unidade de acción crea certeza e confianza na cidadanía, algo fundamental para saír máis fortes desta situación", asegurou. 

Noutra expresión de lealdade e ánimo de colaboración, o Presidente xa puxo hai unha semana a disposición da Xunta de Galicia os medios da institución provincial para efectuar o reparto de material sanitario e de protección fronte ao Covid-19 entre os 67 concellos da provincia co fin de contribuír a axilizar o proceso de distribución dos equipamentos de protección e que se realice con criterios  equitativos e xustos. 

A Deputación de Lugo a través do Plan Único 2020 fai posible que os 67 concellos lucenses poidan destinar a gastos derivados da pandemia máis de 10,6M€, a maior cantidade que dedica calquera administración a este fin na provincia.