Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación inxecta 11M€ nos concellos adiantándolles os pagos mensuais previstos ata o mes de xuño

José Tomé Roca
Imaxe deputación de lugo
A decisión adoptada polo Presidente axudará a que os 63 municipios que teñen delegada na institución provincial a xestión e cobro de tributos dispoñan de máis liquidez para facer fronte ás necesidades derivadas da crise do coronavirus

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a institución transferirá, aos concellos que teñen delegado o cobro de impostos, os pagos mensuais previstos correspondentes aos meses de abril, maio e xuño, o que supoñerá unha inxección de preto de 11M€ nas arcas municipais.

A decisión adoptada polo Presidente axudará a que os 63 municipios adheridos ao servizo provincial de xestión de impostos, o 94% de todos os da provincia, “dispoñan de maior liquidez para facer fronte ao novo escenario de prioridades e necesidades provocado pola crise sanitaria do coronavirus, permitíndolles por exemplo asumir gastos imprevistos de material sanitario ou medidas sociais, e garantir os pagos a empresas e provedores”, explicou José Tomé, quen subliña que este adianto dos pagos de tres meses supón “un gran esforzo de tesourería por parte da Deputación Provincial de Lugo”. 

Actualmente son 63 concellos os que delegan na Deputación a xestión de impostos municipais. Trátase do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o Imposto sobre Bens Inmobles de natureza urbana, rústica e características especiais (IBI) e o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE). 

A Deputación responde con esta iniciativa á súa función esencial como Concello dos Concellos. “A nosa principal función é a cooperación con eles, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliña o Presidente.

Compromiso cos Concellos
Froito do firme compromiso da Deputación coa cooperación cos concellos tamén é o Plan Único 2020, aprobado o pasado xoves polo Pleno, que inxectará de maneira directa nos 67 concellos da provincia 21,3M€ e que o Goberno provincial decidiu adaptar para que os municipios poidan cubrir con estes fondos medidas sociais ante o coronavirus, polo que poderán dispoñer de ata 10,6M€ para este tipo de gastos, o que supón o maior esforzo económico feito polo conxunto das administracións na provincia de Lugo contra esta crise.


Outra das liñas de apoio aos concellos impulsada pola institución é a posta a disposición do servizo de Novas Tecnoloxías para prestarlles asistencia técnica, asesoramento e colaboración para que poidan celebrar plenos, xuntas de goberno e órganos colexiados en xeral de maneira telemática.


“O obxectivo desta iniciativa é facilitar a xestión municipal con total garantía e seguridade nesta situación de crise sanitaria. Os concellos terán a posibilidade de recibir dunha maneira totalmente gratuíta asesoramento e asistencia para desenvolver a súa actividade de forma telemática para sacar adiante trámites, procedementos ou medidas para o benestar da cidadanía e o impulso da actividade económica do municipio”. subliñou o Presidente. 


 A Deputación continúa tomando as decisións ao seu alcance para cooperar cos concellos, pero tamén con resto de administracións na loita para paliar os efectos da crise sanitaria. Con este mesmo obxectivo, a Deputación puxo a disposición da Xunta de Galicia as cinco residencias que construíu e que ten en proceso de apertura para a súa utilización se é necesario para afrontar a pandemia, co destino que a Administración galega considere, ben de asistencia sanitaria, illamento de positivos asintomáticos, aloxamento ou calquera outro uso que sexa preciso. 


Estas infraestruturas atópanse nos concellos de Castroverde, Meira, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil. José Tomé explicou que tomou esta decisión en consenso cos alcaldes destes municipios, cos que mantivo unha conversa para abordar e acordar esta medida de forma conxunta. Ademais, engadiu que “poñemos a disposición as infraestruturas e os servizos e equipos que teñen dispoñibles no interior estas residencias. Algunha delas está máis avanzada que outras en canto a dotación de equipamento, pero todas poden ser útiles para facer fronte a esta situación de emerxencia, e máis cando, segundo o propio Presidente da Xunta, se achega o peor da crise sanitaria en Galicia”.


Nestas cinco residencias da Deputación poderíanse habilitar máis de 100 camas de xeito directo, ao que habería que sumar a posibilidade de acondicionar espazos comúns que terían capacidade para outras máis de 100 camas, polo que se porían a disposición dos sistema sanitario de Galicia unhas 200 camas individuais.