Deputación de Lugo

A Deputación suspende o cobro do canon pola explotación de instalacións provinciais pechadas polo estado de alarma

economía
coronavirus
Imaxe deputación de lugo
- O Presidente asinou un decreto polo que suprime temporalmente a contraprestación económica polo uso dos locais do Mazo de Santa Comba, Muíño do Río Rato e área recreativa Los Robles, en Lugo, e de Belesar Pobo, no Saviñao

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un decreto polo que suspende temporalmente o cobro do canon pola explotación das instalacións provinciais que tiveron que pechar polo estado de alarma declarado para a contención do Covid-19. 

José Tomé afirma que adoptou esta medida “co obxectivo de aliviarlle ás empresas que prestan o seu servizo nestas dependencias os pagamentos que deben afrontar ante a situación excepcional provocada pola crise do coronavirus Covid-19”.

Esta suspensión temporal estará vixente durante o estado de alarma e afecta ás empresas que utilizan as seguintes instalacións: o Mazo de Santa Comba, o Muíño do Río Rato e Área Recreativa Los Robles, en Lugo; e as de Belesar Pobo, no Concello do Saviñao. 

Tomé engade que “esta crise require que todas as administracións públicas acheguemos as solucións que estean na nosa man para contribuír a paliar os efectos económicos e laborais desta crise sanitaria”.

Esta medida súmase a outras que a Deputación de Lugo adoptou para frear o impacto desta crise, como a adaptación do Plan Único 2020 para que os concellos poidan cubrir con estes fondos medidas sociais ante o Covid-19, a suspensión de todos os prazos de tramitación dos procedementos da institución, darlle prioridade ao pagamento a provedores da administración provincial para inxectar liquidez nas empresas e contribuír a que podan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade e, entre outras, o mantemento de todos os contratos e o volume de facturación coas empresas adxudicatarias da prestación de servizos públicos da institución provincial.